A Xunta interésase pola xestión que o Goberno ten previsto facer dos fondos europeos para seguir avanzando nos proxectos de I+D+i que formarán parte da candidatura galega

2020-11-26
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde na conferencia sectorial convocada polo Ministerio de Ciencia e Innovación
  • A candidatura galega para os fondos europeos de recuperación conta, polo momento, cun total de 33 propostas orientadas á modernización do tecido produtivo a través da dixitalización e a innovación

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde no 7º Consejo de Política Científica, Tecnología y de Innovación, no que, entre outros asuntos, se avaliou o papel que a ciencia e a innovación deben xogar no novo contexto socioeconómico marcado pola covid-19, así como o papel das comunidades autónomas nos mecanismos de recuperación da Unión Europea.

Durante esta conferencia sectorial convocada polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Xunta de Galicia interesouse por coñecer como se van xestionar os fondos europeos de reconstrución para que os proxectos de I+D+i que se inclúan na candidatura galega poidan optar aos mesmos.

De feito, un dos eixes sobre os que se asenta a candidatura galega de proxectos que optan aos fondos europeos de recuperación Next Generation é a modernización do tecido produtivo. Este eixe suma un total de 33 propostas, ata o de agora, que supoñen un investimento de preto de 4700 millóns de euros. Son iniciativas orientadas cara a dixitalización e a innovación co obxectivo de apoiar a transformación da industria galega.

Na reunión tamén se abordaron outros asuntos como o Pacto pola ciencia e a innovación que persegue aumentar o financiamento público, conseguir unha maior autonomía e coordinación das entidades que financian a I+D+i e apoiar o talento; ou o Plan Estatal de investigación científica, técnica e de innovación e que Galicia entende que debe servir de marco para o desenvolvemento das estratexias das distintas comunidades autónomas.