A Xunta apoia con 3 M€ o desenvolvemento de 15 proxectos de investigación galegos para avanzar na loita contra a covid-19

2020-11-12
  • Nove iniciativas de fundacións que desenvolven o seu labor no eido sanitario e seis de universidades galegas investigarán a caracterización clínica e biolóxica da enfermidade, técnicas de diagnose virolóxica rápida, terapias innovadoras e a análise masiva de datos orientados ao control epidemiolóxico
  • Trátase de iniciativas que se presentarán á convocatoria do Instituto de Salud Carlos III e que, a pesar de conseguir unha avaliación positiva, non obtiveron fondos
  • Este programa, incluído no Plan de reactivación económica de Galicia, permite a contratación de 43 investigadores
  • Con esta nova liña, o Goberno autonómico leva destinados 14 M€ a apoiar a I+D+i nos organismos de investigación galegos na busca de medidas que apoien a súa actividade e que poidan conter a propagación da enfermidade

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destinará preto de 3 M€ a financiar o desenvolvemento dun total de 15 proxectos de investigación galegos para avanzar na loita contra a covid-19, tal e como se informou na reunión desta mañá de Consello.

Esta nova liña de axudas convocouse co obxectivo de recuperar e apoiar aqueles proxectos galegos científicos excelentes que se presentasen á convocatoria realizada polo Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) e que, a pesar de conseguir unha avaliación positiva, non obtiveron financiamento por esgotamento de crédito. Estas iniciativas medíronse con máis de 1.400 expresións de interese na convocatoria do ISCIII.

En total, recibirán apoio nove iniciativas de fundacións dedicadas á investigación sanitaria (cinco da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, dúas da Fundación Profesor Novoa Santos e dúas da Fundación Biomédica Galicia Sur) e seis proxectos das universidades galegas (catro da Universidade de Santiago de Compostela e dous da Universidade da Coruña). Contarán cun total de 3 M€ para desenvolver iniciativas relacionadas coa caracterización clínica e biolóxica da enfermidade, técnicas de diagnose virolóxica rápida, terapias innovadoras e análise masiva de datos orientados ao control epidemiolóxico. As axudas teñen unha intensidade do 100% e os proxectos deberán estar rematados antes do 30 de setembro de 2022.

Con esta nova orde de axudas da Axencia Galega de Innovación (Gain) —que contribúe ademais a consolidar o talento en Galicia, xa que supón a contratación de 43 investigadores–, a Xunta de Galicia continúa co seu compromiso de dar unha resposta á crise sanitaria provocada pola pandemia da covid-19. Deste xeito, a Comunidade está demostrando que ten capacidade científica para favorecer a investigación de tratamentos e vacinas contra a Covid-19.

Os 15 proxectos seleccionados súmanse ás iniciativas que o Goberno galego está realizando no eido da investigación e a innovación para axudar os organismos de investigación galegos na busca de medidas que apoien a súa actividade e poidan protexer a saúde das persoas e conter a propagación da enfermidade.

En total, estanse destinando ao redor de 14 M€ en actuacións nesta liña, como o apoio de oito solucións innovadoras promovidas por pemes e universidades galegas transferibles ao sector da saúde, da industria e do comercio; a nova aceleradora de pemes innovadoras Connect-19, especializada na comercialización de solucións fronte á covid-19 que está desenvolvendo vinte proxectos; a colaboración co primeiro hackaton virtual o pasado mes de xuño, para crear solucións innovadoras que axuden ao tecido empresarial galego a adaptarse á nova realidade; a extensión en seis meses dos contratos a investigadores predoutorias e posdoutorais; o convenio coas universidades galegas para darlles apoio nas medidas de reforzo e mellora da investigación e docencia; ou as axudas destinadas a proxectos de investigación sanitaria do programa Translaciona covid-19.

Deste xeito, a Xunta segue avanzando no Plan de reactivación económica e consolida a súa aposta pola I+D+i e por un novo modelo industrial como a mellor fórmula para recuperar a actividade das nosas pemes e dos organismos de investigación e coñecemento, fixar tecido industrial, gañar competitividade e crear postos de traballo de calidade.