A Xunta destaca o deseño como ferramenta para contribuír á innovación responsable que demanda a crise da covid-19

2020-09-24
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, abriu esta mañá o terceiro encontro virtual do ciclo ‘A era poscovid: redeseñar o mundo’
  • No encontro, profesionais galegos deste ámbito destacaron a necesidade de construír marcas dotadas de significado capaces de dialogar cos consumidores de xeito honesto

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2020.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou o valor do deseño como elemento facilitador de primeira orde para que as solucións innovadoras de resposta á crise aberta pola covid-19 despreguen toda a súa funcionalidade. Argerey interveu esta mañá na apertura institucional do terceiro encontro virtual do ciclo A era pos-COVID: redeseñar o mundo, dedicado ao deseño de marcas.

Neste novo evento do Programa de Deseño para a Innovación, a directora de Gain subliñou que son necesarios novos modelos de negocio e tamén unha concepción das marcas capaz de responder ás novas prioridades dos consumidores. Neste contexto, resaltou o compromiso da Xunta co impulso da innovación responsable, aquela que impacta directamente na vida das persoas desde a transparencia e o compromiso coa sustentabilidade. Segundo expuxo, o deseño de marcas fortes e relevantes é un factor decisivo para crear a cultura que subxace nesa innovación responsable.

Por outro lado, Argerey destacou que a pandemia acelerou un proceso que xa se viña impoñendo como un factor decisivo de competitividade: a dixitalización dos procesos de negocio de calquera sector empresarial, desde o pequeno comercio ata a gran industria, un eixe no que a Xunta está a intensificar os seus apoios.

Marcas con máis significado

No encontro participaron cinco profesionais galegos que compartiron a súa visión sobre o deseño de marcas con representantes de empresas e centros tecnolóxicos. Os relatores foron Iván Mato, director creativo de Jones Knowles Ritchie en Londres; Dani Bembibre e David Silvosa, socios do estudio de deseño e construción de marcas Costa; e Charo Froján e Alfredo Olmedo, creativos da marca de moda D-due.

Iván Mato destacou que a pandemia provocou que as marcas tivesen que actuar e isto fixo que quedasen retratadas polos seus valores diante dos consumidores, poñendo como exemplo unha empresa cervexeira que destinou parte da súa capacidade de produción para poñer no mercado xel hidroalcólico nun momento no que había desabastecemento. Ademais, subliñou que as marcas que estaban dixitalizadas reaccionaron antes e mellor fronte á crise, ata o punto de ser un factor clave de supervivencia.

Pola súa banda, David Silvosa e Dani Bembibre puxeron en valor o deseño como ferramenta para achegarlle unha forma ás marcas para que trascendan no tempo e que poidan resistir a momentos complicados coma este. Ademais, destacaron que as marcas con éxito son as que buscan a súa esencia. Sobre as experiencias dixitais, tan estendidas a raíz da pandemia, insistiron no gran desafío que supón deseñalas de xeito que non supoñan só trasladar ao formato virtual o que se facía en formato presencial, buscando a humanización desas experiencias con elementos coma a interactividade.

Os creadores da marca de moda D-due, Charo Froján e Alfredo Olmedo, afirmaron que este é o momento de Galicia e que eles se deron conta a raíz da súa experiencia no mercado xaponés, que lles permitiu reafirmar o valor do que se fai aquí: a artesanía, a calidade e a autenticidade. Ademais, explicaron que na súa traxectoria foi fundamental o proceso de construír unha narrativa propia que lles permite difundir unha mensaxe única e honesta a través da súa marca.

Próximas citas co deseño

A directora de Gain anunciou que o ciclo A era pos-COVID. Redeseñar o mundo rematará a principios de novembro cun último encontro centrado no deseño de novos espazos como tema principal.

Así mesmo, informou da apertura de inscricións ao ciclo Materiais para o futuro, ligado á Materioteca de Galicia. O primeiro dos tres workshops online deste ciclo terá lugar o 8 de outubro coa presentación de novos materiais para impresión 3D. Durante a xornada presentarase tamén a nova base de datos da Materioteca de Galicia, na que se poderán consultar en detalle as características e aplicacións desta mostra de materiais innovadores con selo galego.