As entidades galegas captan 135,6 millóns de euros do programa marco de I+D+i da Unión Europea, Horizonte 2020

2020-08-01
  • Galicia sitúase así na sétima posición entre as Comunidades Autónomas a nivel nacional en canto a retorno obtido polas entidades galegas no programa de I+D+i da Unión Europea (UE), H2020, no período 2014-2019
  • A Comunidade mellora tanto en termos absolutos como relativos, respecto do conxunto do Estado, pasando dun 2,6 a un 2,8%, así como da media da UE, representando agora un 0,29 fronte a un 0,21% no anterior programa marco, o VII Programa Marco
  • A falta dun ano para rematar H2020, os fondos captados polas entidades galegas aumentaron un 56% respecto do programa marco anterior completo
  • Co obxectivo de seguir mellorando estes resultados, a Xunta conta cunha liña de axudas dotada con 5 millóns de euros ata 2022 para fomentar a participación galega en H2020 e impulsar así a súa internacionalización

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2020.- Galicia sitúase como sétima comunidade autónoma a nivel español en canto a fondos captados do programa marco de I+D+i da Unión Europea, Horizon2020 (H2020), no período 2014-2019. Segundo o último informe publicado polo Ministerio de Ciencia e Innovación sobre os resultados da participación española en Horizonte2020 referidos ao período 2014-2020, as entidades galegas captaron 135,6 millóns de euros no programa H2020, a través de 132 entidades pola participación en 321 actividades de I+D+i.

A falta dun ano para que remate o programa H2020, Galicia rexistra un aumento do 56% nos fondos captados polas entidades galegas e un 35,4% a participación relativa das entidades galegas no conxunto da Unión Europea respecto do anterior programa marco completo. Esta mellora tamén se produciu en termos relativos, en relación coa porcentaxe de recursos captados por Galicia respecto do conxunto nacional, que ascendeu dun 2,6 a un 2,8%, así como ao peso dos fondos captados polas entidades galegas respecto do conxunto da UE, pasando de representar un 0,21 a un 0,29%.

Das 132 entidades que obtiveron financiamento a través do programa H2020, 84 son empresas, das cales un 84% son pemes. O liderado desta captación de fondos foi para as universidades que captaron un 34,7% dos recursos; seguidas polos centros tecnolóxicos (22,6%); as empresas (18,6%) e a Administración pública (10,9%). A continuación sitúanse os centros públicos de investigación, cun 6,1%; as asociacións, cun 3,9%; e as asociacións de investigación, cun 3,2%. Destacan a Universidade de Santiago de Compostela, seguida de Aimen (Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste) e a Universidade de Vigo.

Aumentou tamén a porcentaxe de proxectos coordinados por entidades galegas no programa H2020, que pasou dun 25,4% no anterior programa marco a un 28,6% no período 2014-2019 de H2020. Por áreas temáticas, destaca a participación galega en nanotecnoloxías, materiais avanzados, biotecnoloxía e novas formas de produción (NMBP); saúde, cambio demográfico e benestar; Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC); e bioeconomía. En canto a aquelas áreas nas que Galicia destaca respecto do conxunto do Estado (superan o 2,8% de subvención nacional que capta Galicia), son, novamente, nanotecnoloxías, materiais avanzados, biotecnoloxías e novas formas de produción; bioeconomía; saúde, cambio demográfico e benestar; e acción polo clima, medio ambiente, eficiencia de recursos e materias primas. Galicia tamén destaca no piar de ciencia excelente, especialmente no ámbito das axudas captadas do European Research Council (ERC) e das accións Marie Slodowska-Curie.

Axudas para o fomento da participación galega no programa H2020

Co obxectivo de seguir incrementando a participación galega no programa europeo H2020, especialmente das pemes, e, polo tanto, a internacionalización do Sistema galego de I+D+i, a Xunta de Galicia ten activa a convocatoria 2020 das axudas para o fomento da participación galega en H2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A través desta liña de axudas, dotada cun total de 5 millóns de euros ata 2022, lévanse concedido xa apoios por preto de 1,2 millóns de euros, dos que o 87% foron destinados a pemes e o 13% restante a organismos de investigación e, actualmente, está aberta a convocatoria de 2020, á que está previsto destinar 2,76 millóns de euros.

A iniciativa persegue mellorar a calidade das propostas galegas no programa marco europeo, así como incrementar o impacto da convocatoria Instrumento Peme da Comisión Europea en Galicia a través do apoio económico ás propostas que recibiron o selo de excelencia sen chegar a obter a axuda europea. As solicitudes son atendidas por orde cronolóxica de entrada e ata o esgotamento do crédito.

Esta liña de axudas é pioneira a nivel estatal, ao incluír diferentes liñas de apoio: a de preparación de propostas de calidade tanto de pemes como de organismos de investigación ao programa H2020; e a que permite apoiar propostas de pemes galegas que acadaron o selo de excelencia da Comisión Europea nas Fases 1 e 2 da convocatoria Instrumento PEME de Horizon 2020 pero non obtiveron apoio europeo.