Seis proxectos do sector alimentario recibirán apoio para a súa consolidación a través da Business Factory Food

2020-07-13

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2020.- A Business Factory Food (BFFood) deu a coñecer esta mañá os seis proxectos que participarán no primeiro programa de consolidación da aceleradora especializada no sector alimentario, impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

A esta convocatoria de consolidación presentáronse 27 candidaturas, das que catro pasaran anteriormente polo programa de aceleración en 2019. Os proxectos seleccionados accederán agora a un programa de apoio integral e especializado de doce meses de duración con mentoring, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, así como financiamento a través dun préstamo participativo de XesGalicia, que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 €.

O Comité de Selección de BFFood destacou a innovación e tecnoloxía dos proxectos seleccionados, que teñen que atender a algún dos retos definidos pola industria alimentaria como a dixitalización e automatización, a sustentabilidade, o desenvolvemento de novos produtos, a interacción con clientes e consumidores, así como fortalecer a resiliencia do sector ante situacións de emerxencia derivadas de pandemias, como a provocada polo coronavirus.

Esta iniciativa enmárcase na rede de aceleradoras de Galicia, a plataforma StartIN Galicia, que aglutina todos os apoios ao emprendemento da Consellería de Economía, Emprego e Industria e, máis concretamente, no modelo Business Factory, que aposta pola innovación aberta en sectores estratéxicos para Galicia como a automoción, o aeronáutico ou o agroalimentario. A Xunta de Galicia colabora neste programa a través do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain) e de XesGalicia. Tamén participan as empresas tractoras Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Capsa Food (Larsa), Clavo Food Factory, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Congalsa, Galacteum, Gadisa, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira.

Proxectos seleccionados

Essence Food: Esta iniciativa, presentada desde Pontevedra, formou parte da primeira edición do programa de aceleración de BFFood e traballa no desenvolvemento de novos produtos alimentarios, a partir de excedentes e/ou residuos alimentarios da produción, transformándoos en novos produtos alimentarios de alto valor engadido. Rubén Hidalgo, de Capsa Food (Larsa), exercerá como mentor deste proxecto no seu paso polo programa de consolidación.

Monkey Markets: Este proxecto, procedente da Coruña e acelerado na primeira edición da BFFood, baséase nunha ferramenta B2B online que facilita aos produtores europeos do sector alimentario a venda en China e aos importadores chineses a compra en Europa. Rosana Domínguez, directora de márketing de Quescrem, foi a mentora desta iniciativa durante o seu paso polo programa de aceleración e continuará, agora, no de consolidación xunto a Mónica Cascallar, directora de innovación de Congalsa e Pablo Gómez, director división láctea de Clun.

Muutech food monitoring platform: Esta iniciativa, procedente de Pontevedra e acelerada no primeiro programa de BFFood, permite a recollida de datos de calquera fonte, agregalos e analizalos en tempo real a través dunha plataforma de monitoraxe que facilita ás empresas da industria alimentaria a optimización dos seus procesos e dos custos, tomando de forma áxil decisións informadas. José Carlos Vila, director xeral de Kiwi Atlántico, encargarase de mentorizar a este proxecto durante o seu paso polo programa de consolidación.

Plataforma aprendizaxe automática desenvolta por TripleAlpha: Este proxecto coruñés, que formou parte do primeiro programa de aceleración de BFFood, permite replicar calquera planta física de fabricación e optimizar á súa vez os procesos, mediante algoritmos de predición e prescrición baseados en técnicas de analítica avanzada e aprendizaxe automática. Ángel Pereira, chief innovation officer de Galacteum encargarase do seu mentoría.

Refix – Atlantic Sea Water: Este proxecto coruñés presenta unha bebida natural, refrescante e reconstituínte elaborada con ingredientes naturais e fabricada con auga de mar extraída na Costa da Morte. Será mentorizado por Antonio Cortés, director de responsabilidade social corporativa de Gadisa.

Sensebit: Esta solución, desenvolta por TasteLab, spin- off da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo, consiste nun software de análise sensorial altamente personalizable por tipo de cliente e sector alimentario co que as empresas poden facer unha análise organoléptica (características físicas que ten un alimento apreciables mediante os sentidos) fiable que lles permite o aforro no ensaio-erro, ao ter en conta ao consumidor. Juanjo de la Cerda, director corporativo de I+D e Calidade do Grupo Nueva Pescanova mentorizará esta iniciativa.