As pemes poden presentar ata o 10 de xullo a súa candidatura á aceleradora especializada na comercialización de solucións innovadoras fronte ao coronavirus Connect-19

2020-06-26
  • No programa da Xunta en colaboración co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) poderán participar ata 20 compañías
  • Recibirán asesoramento individualizado, capacitación comercial e apoio na captación de financiamento, seguindo un itinerario personalizado

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020.- A directora da Axencia Galega de Innovación, (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha xornada online sobre a nova aceleradora de innovación da Xunta en colaboración co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), situado en San Cibrao das Viñas (Ourense). A iniciativa Connect-19, cuxo prazo de presentación de candidaturas permanece aberto ata o próximo 10 de xullo, ten como obxectivo impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións innovadoras galegas que contribúan a reducir o impacto social e económico do coronavirus.

Patricia Argerey destacou a capacidade de resposta do tecido innovador galego ante a nova situación xerada polo coronavirus e explicou que o novo contexto caracterizado por novas dinámicas de mercado pode transformarse nunha oportunidade de negocio para as pemes innovadoras galegas. Precisamente para impulsar esa transferencia de innovación ao mercado para virar esta coxuntura nunha oportunidade e xerar valor económico, emprego e solucións ás novas demandas sociais e industriais, nace esta aceleradora especializada en comercialización.

A iniciativa Connect-19 está dirixida a pemes galegas innovadoras ou de base tecnolóxica pertencentes a calquera sector. As candidatas teñen que contar cun produto ou servizo innovador, que poida contribuír a reducir o impacto producido pola pandemia pola covid-19, de comercialización inmediata ou que se atope xa no mercado pero que precise un pulo para o seu posicionamento.

Poderán participar ata 20 pemes, que recibirán asesoramento individualizado, capacitación comercial e técnica e potenciarán a súa capacidade de captación de financiamento, seguindo unha folla de ruta personalizada enfocada ao fortalecemento do seu acceso ao mercado. Entre outros aspectos, as pemes participantes recibirán apoio para obter acreditacións de innovación e certificacións referentes ás normas e directivas sanitarias, así como para avanzar na súa comercialización e internacionalización, identificando novos mercados potenciais, e para a captación de socios investidores.