A Xunta aproba un investimento de 7 M€ no novo supercomputador do CESGA para multiplicar as súas capacidades e seguir prestando un servizo de vangarda aos investigadores e á industria galega

2020-06-05
  • O Finisterrae III permitirá ao Centro de Supercomputación de Galicia multiplicar por seis a súa capacidade de cálculo
  • Ademais de manter ao Cesga entre os centros líderes a nivel nacional e europeo, a nova infraestrutura atraerá proxectos que requiran unha gran capacidade de computación e de almacenamento de datos
  • Será clave para impulsar as tecnoloxías asociadas á Industria 4.0, especialmente nas pemes, e os Hubs de innovación dixital de Galicia

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020.- O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) vai investir 7 millóns de euros no Finisterrae III, un novo supercomputador que permitirá multiplicar por seis a capacidade de cálculo do actual supercomputador, o Finisterrae II, ao tempo que proporcionará servizos de almacenamento de moi alta capacidade, reforzando así o servizo de vangarda que o centro presta aos investigadores e á industria galega.

A licitación desta infraestrutura será posible grazas a un convenio de colaboración do Cesga co Ministerio de Ciencia e Innovación, e que contará con 5,6 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Segundo o convenio autorizado hoxe polo Consello da Xunta, o cofinanciamento nacional será asumido pola Administración autonómica, que, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), achegará 1.050.000 euros, e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que dedicará 350.000 euros.

O novo supercomputador, que se espera poida entrar en funcionamento en marzo de 2021, permitirá que os centros de investigación e tecnolóxicos, así como as empresas de Galicia, sigan liderando proxectos de I+D+i e manterá ao Cesga, que conta con 27 anos de traxectoria, como un dos referentes da supercomputación nacional e europea.

O Finisterrae III facilitará atraer proxectos que requiran unha grande capacidade de computación e de almacenamento de datos. Tamén permitirá fomentar e promover o uso da supercomputación no ámbito empresarial, especialmente nas pemes, e contribuír á adopción das novas técnicas de intelixencia artificial, machine learnig e deep learning, impulsando a Industria 4.0 e os Hubs de Innovación Dixital de Galicia, dos que forma parte o Cesga.

Ademais, o Centro de Supercomputación de Galicia provee outros servizos deconectividade á rede de centros de investigación, tecnolóxicos, universitarios e educativos de Galicia, e dispón doutras infraestruturas que permiten que a comunidade científica e educativa poida realizar traballos colaborativos.

Todas estas infraestruturas fan posible que os centros de investigación e tecnolóxicos poidan prover servizos innovadores e de valor, e tamén, que as pequenas e medianas empresas elaboren e perfeccionen novos produtos e servizos.

A configuración do novo superordenador Finisterrae III é resultado dun estudo de necesidades da comunidade de usuarios do Cesga, centros de investigación, centros tecnolóxicos, centros universitarios e colexios profesionais relacionados coas TIC e tamén con empresas e outros actores relevantes, así como dunha avaliación das diferentes tecnoloxías dispoñibles no mercado. A infraestrutura permitirá ao centro posicionarse cara ao futuro, en liña coas capacidades de Galicia.

Beneficiaranse destas novas infraestruturas, entre outros, os investigadores das universidades galegas, do CSIC e dos centros tecnolóxicos galegos; e proxectos punteiros como os de investigación aplicada ao descubrimento temperán de fármacos e ao desenvolvemento de novos materiais, os proxectos de ultrasecuenciación e xenómica, os proxectos de astrofísica participados pola Axencia Espacial Europea (ESA), os de altas enerxías desenvolvidos por grupos galegos en colaboración co CERN; así como os desenvolvementos ligados á reconstrución de imaxe médica de alta resolución, os relacionados coa covid-19 e tamén os proxectos de anotación e exploración masiva de datos. Así mesmo, o Finisterrae III permitirá mellorar os servizos prestados a MeteoGalicia ou a Portos do Estado para a elaboración das súas predicións operativas diarias.