Conde destaca o papel determinante da innovación para facer fronte aos novos retos na saúde, a prevención e a seguridade

2020-05-14
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro cos responsables dos oito proxectos innovadores que a Xunta apoia para avanzar na loita contra o COVID-19
  • Seis empresas e as universidades de Santiago e Vigo traballan en distintas solucións para a detección, o tratamento ou a prevención ante o coronavirus

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o “papel determinante da innovación e o coñecemento” para facer fronte con máis garantías e seguridade aos novos retos que se presentan no eido da saúde, a prevención e a seguridade pola crise do COVID-19.

Conde mantivo unha xuntanza cos responsables dos oito proxectos innovadores que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), apoia para avanzar na loita contra o COVID-19, seis deles promovidos por pemes galegas e dous máis deseñados polas universidades de Vigo e Santiago.

Estes proxectos presentan distintas solucións tecnolóxicas para a detección, o tratamento ou a prevención fronte ao Covid-19, como respiradores autónomos reutilizables (Técnicas de Soft, A Coruña) e outros de baixo custo industrializables (Bionix Supplychain Technologies, A Coruña); ventiladores (Fentotek, San Cibrao das Viñas); cabinas esterilizadoras (Setga, Pontevedra); un sistema para a detección molecular in situ do virus (AMSlab, Lugo); ou mecanismos de control de acceso por recoñecemento facial ou captura de temperatura (Creativigo Consultores de Innovación, Vigo).

Ademais, a Universidade de Santiago traballa no deseño dunha cartografía do COVID-19 que permite avaliar o seu grao de incidencia en espazos rurais e urbanos, e a Universidade de Vigo no desenvolvemento de operativas de voo con sistemas aéreos non tripulados para tarefas de desinfección. A Xunta vai destinar preto de 750.000 euros para colaborar na súa execución, coa previsión de que todos os proxectos estean finalizados este ano.

Tal e como apuntou Conde, trátase de proxectos extrapolables aos ámbitos que o Goberno galego ten marcados como estratéxicos: o sanitario, o laboral, e o ámbito do comercio e sector servizos. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que a pandemia creou un novo contexto sanitario, laboral e económico que esixe ampliar as capacidades de diagnose e tratamento; multiplicar os medios de protección e prevención; e contar con novos protocolos de seguridade sanitaria, e que a innovación se presenta como a canle para dar resposta a estas demandas. Así, vai ter un papel decisivo á hora de afrontar a reactivación económica.