Reactívanse os prazos para a tramitación dos contratos predoutorais, das axudas aos grupos de investigación universitaria e da incorporación de científicos de prestixio ao SUG

2020-05-08
  • O Consello da Xunta autorizou a reanudación da tramitación dos procedementos relativos á investigación universitaria cuxos prazos quedaran suspendidos logo da declaración do estado de alarma
  • Unha vez que conclúan os novos prazos, as convocatorias resolveranse do xeito máis inmediato posible, logo de analizar as solicitudes e emitir a avaliación correspondente

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2020.- O Consello da Xunta acordou hoxe a reanudación da tramitación dos procedementos relativos á concesión das axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral, para a consolidación e estruturación dos grupos de investigación das universidades galegas e demais entidades que conforman o I+D+i galego, así como das axudas para a contratación de investigadores de prestixio por parte das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Trátase das convocatorias cuxos prazos de solicitudes xa estaban iniciados pero que quedaron suspendidos por mor da declaración do Estado de Alarma. Agora, coa autorización por parte do Consello da Xunta, reactívanse de novo os procedementos de solicitudes, mantendo as mesmas condicións que xa estaban establecidas; e que se resolverán do xeito máis inmediato posible logo de concluír os trámites, analizar as solicitudes e emitir a avaliación correspondente.

Contratos predoutorais

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a de Economía, Emprego e Industria (a través da Axencia Galega de Innovación, Gain) reanudarán os trámites da convocatoria de 100 novas bolsas de contratos predoutorais, aos que este ano se destinan 8.129.100 euros (case un 7,5% máis respecto á anterior convocatoria, o que se traduce tamén nun aumento da contía anual dos contratos para os vindeiros tres anos). Neste caso, como o prazo de presentación de solicitudes xa finalizara, o acordo de hoxe permite continuar a tramitación para a resolución e concesión das axudas.

Esta convocatoria vai destinada ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros e divídese en dúas modalidades.

Na modalidade A as axudas están enfocadas a potenciar as traxectorias de investigación vinculadas ás áreas estratéxicas segundo os obxectivos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3, para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sustentable a través da innovación, e que orientarán as políticas de cohesión da Unión Europea para o período 2014-2020. A previsión é financiar 57 contratos predoutorais nesta modalidade e o importe máximo de cada axuda ascenderá a 25.000 euros anuais.

Pola súa parte, a modalidade B busca garantir a representación de todas as ramas do coñecemento, establecendo un número de prazas para aquelas áreas que se atopan con máis dificultades de encaixe directo nos sectores produtivos, pero que resultan fundamentais para o crecemento sustentable dunha economía baseada no coñecemento. Deste xeito, garántese un mínimo de 10 axudas no ámbito das universidades para Artes e Humanidades, e outras 10 para Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que o número de solicitudes o permita. Nesta categoría beneficiaranse un total de 43 investigadores que preparan a tese e o importe máximo de cada axuda será de 22.900 euros anuais.

Ademais, ambas as dúas convocatorias inclúen estadías de tres meses de duración no estranxeiro cun importe máximo de 6.000 euros, en función do destino.

Axudas aos grupos de investigación máis competitivos

Tamén se reactivan os procedementos de axudas aos grupos máis competitivos da I+D+i galega para o período 2020-2024, cun orzamento total de 14,92 millóns de euros achegados polas consellerías de Educación e de Economía.

A convocatoria – cuxo prazo de presentación de solicitudes se reabrirá durante 5 días naturais desde a publicación no DOG os vindeiros días – vai dirixida ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.

O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado por criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de I+D que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso.

Este ano, ademais do apoio a Grupos de Referencia Competitiva (modalidade A) e Grupos de Potencial Crecemento (modalidade B), introdúcese unha terceira modalidade,para o financiamento de Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente (modalidade C).

Incorporación de científicos de recoñecido prestixio

A reestruturación dos prazos derivados do estado de alarma tamén afecta ao Programa de atracción e retención do talento científico en Galicia mediante a figura de Investigador Distinguido (ID), cuxo prazo de presentación de solicitudes se reabrirá durante 5 días naturais desde a publicación no DOG, os vindeiros días.

Esta é unha nova acción que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pon en marcha co fin de atraer e reter persoal investigador cunha ampla e recoñecida traxectoria co obxectivo de desenvolver as capacidades de investigación dos centros e das unidades de I+D do SUG.

A través deste programa de axudas – dotado con 5 millóns de euros de orzamento – a Consellería de Educación asumirá o financiamento íntegro da contratación de ata 15 investigadores de recoñecido prestixio por parte do Sistema Universitario Galego (SUG).

A contratación desta figura de Investigador Distinguido pode facerse a través de dúas modalidades: a modalidade de atracción e a modalidade de retención.

No primeiro dos casos, de atracción, búscase atraer investigadores de recoñecido prestixio e incorporalos ao sistema universitario galego. Para iso a Consellería de Educación financiará a contratación de ata un máximo de 10 investigadoras ou investigadores por un período de 4 anos e cun importe por contrato de 91.000 euros/ano. Para optar a estas axudas, as persoas contratadas polos distintos axentes de investigación deben estar en posesión dun título do grao de doutor, acreditar un mínimo de 4 anos de experiencia posdoutoral (dos cales polo menos 2 deben ser de estadía no estranxeiro) e non ter sido contratados por unha universidade do SUG nos 24 meses anteriores á data límite de presentación de solicitudes.

Na modalidade de retención, o obxectivo é contratar e promocionar o persoal investigador que xa está vinculado ao Sistema Universitario Galego, ben nos campus de especialización ou ben en áreas de coñecemento estratéxicas. Para tal fin a Consellería financiará a contratación de ata 5 persoas, cunha axuda de 71.000 euros/ano por contrato durante un período máximo de 4 anos. Neste caso, os requisitos esixidos son 4 anos de experiencia posdoutoral e contar coa acreditación para a categoría de profesor contratado doutor da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) ou da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG), entre outros.