A participación de Congalsa no programa Fábrica Intelixente da Xunta amosa o compromiso da empresa por facer da transformación dixital unha oportunidade para seguir medrando

2020-03-03
  • Xunto con Gradiant, no marco deste programa está a desenvolver un proxecto para converter as súas instalacións nunha fábrica máis flexible, automatizada e con tecnoloxías que permitan obter datos en tempo real
  • O conselleiro apunta que Congalsa é líder do sector en España porque elabora máis da metade dos produtos precociñados con base de peixe e marisco que se comercializan no noso país
  • Lembra que a Xunta traballa da súa man noutros programas como a aceleradora BBFood, as Unidades Formativas ou en programas de internacionalización

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 3 de marzo de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a participación de Congalsa no programa Fábrica Intelixente da Xunta amosa o compromiso da empresa por facer da transformación dixital unha oportunidade para seguir medrando. Así o manifestou durante unha visita ás instalacións para coñecer de primeira man os avances que esta empresa está a facer no eido da Industria 4.0.

Conde apuntou que, xunto con Gradiant, no marco deste programa Congalsa está a desenvolver un proxecto para converter as súas instalacións nunha fábrica máis flexible, automatizada e con tecnoloxías que permitan obter datos en tempo real. Conta cun orzamento de 4,9 millóns de euros e nel traballan 19 profesionais; tres dos cales, son de nova contratación por parte de Congalsa.

Esta empresa, que cumpre este ano o seu 30 aniversario, é líder do sector en España porque elabora máis da metade dos produtos precociñados con base de peixe e marisco que se comercializan no noso país. Está presente en 36 países, cunha facturación consolidada de máis de 90 millóns de euros e conta 335 empregados. De feito, Conde lembrou hoxe mesmo vai recibir unha mención nos premios RSE polo esforzo que está a facer en favor da conciliación dos seus traballadores e traballadoras.

O conselleiro subliñou que a través da innovación esta empresa trata de achegar valor engadido aos seus produtos para estar á vangarda. E lembrou que a Xunta traballa da súa man noutros programas como a aceleradora BBFood, as Unidades Formativas ou en programas de internacionalización.

Trátase, dixo, dunha das empresas do sector galego da alimentación que mellor exemplifica como a transformación dixital se ten convertido nunha necesidade e, á vez, nunha oportunidade para a mellora de procesos.