A Xunta convoca axudas por 2,7 M€ para impulsar a mellora da capacidade innovadora das pemes galegas

2020-02-19
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou en Vigo a empresa O Lecer Senior Care, que busca converterse nun referente en técnicas asistenciais apoiándose no programa Innova Peme
  • A nova convocatoria desta liña de apoios publicada hoxe no DOG financia plans de innovación de pemes e microempresas que queren aumentar a súa competitividade e tamaño de mercado a través de novos produtos ou servizos

Vigo, 19 de febreiro de 2020.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa viguesa O Lecer Sénior Care, dedicada á asistencia a persoas maiores en centros residenciais, e que actualmente está desenvolvendo un plan de innovación co apoio da Xunta a través da convocatoria de 2019 do programa InnovaPeme.

Tal e como informou Patricia Argerey durante a visita, hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas do Innova Peme 2020, dotada con 2,7 millóns de euros e destinada especificamente a micro, pequenas e medianas empresas galegas que precisan apoio para sistematizar, potenciar ou desenvolver a súa actividade innovadora. O obxectivo é que aumenten a súa competitividade e tamaño do mercado a través da introdución de novos produtos e servizos ao abeiro dos plans de innovación; e fomentar o investimento privado en I+D en Galicia, a transferencia de tecnoloxía e a innovación aberta e colaborativa.

InnovaPeme 2020, cofinanciado con Fondos FEDER no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, apoia as actuacións recollidas nun plan de innovación, que se desenvolverá durante un período mínimo dun ano. A intensidade da axuda será do 50% do orzamento subvencionable (que deberá estar entre 80.000 e 200.000 euros) e, ademais, as empresas beneficiarias poderán solicitar acompañamento posterior para a comercialización e industrialización da innovación a través de fondos de capital risco vencellados á innovación xestionados por XesGalicia.

O prazo de presentación de solicitudes é de dous meses e remata o 20 de abril ás 13 horas. Entre as principais novidades, refórzase como criterio de valoración o feito de ser unha microempresa e non ter obtido axudas á I+D+i nos últimos 3 anos. Ademais, só se valorarán os contratos a tempo completo cunhas retribucións nas que corresponda o grupo de cotización coa titulación da persoa contratada.

Así mesmo, nesta edición, inclúense unha serie de cláusulas sociais como a incorporación da innovación responsable e do compromiso social como criterios de valoración da convocatoria e relacionadas coa estratexia de apoio ás pemes como obrigas de formación e de subministración de información.

O Lecer Sénior Care

Durante a súa visita a O Lecer Sénior Care, a directora de Gain destacou a utilidade social da innovación, que non só contribúe a asegurar un crecemento económico sostible senón a ofrecer solucións ás demandas da sociedade actual e contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas, como neste caso en que o plan de innovación está encamiñado a ofrecer unha atención máis centrada nas persoas, tanto nos maiores, como nos coidadores e as súas familias.

Precisamente o envellecemento activo e a mellora da calidade de vida das persoas, especialmente as persoas maiores, é un dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) na que se enmarca esta liña de axudas e coa que se aliña o plan de innovación de O Lecer.

A empresa aspira a converterse nun referente na posta en marcha de técnicas asistenciais centradas nas persoas e a expandir o seu modelo de atención a maiores a centros doutras localidades galegas e españolas. Para iso, conta coa colaboración do grupo de investigación de referencia da Universidade de Vigo REDE, que achega a súa experiencia en servizos de apoio en materia de innovación social no envellecemento activo, e cos servizos da empresa Triple Alpha Innovation, que presta apoio na dixitalización dos procesos na atención residencial sénior.

Argerey subliñou precisamente a importancia desta colaboración con organismos de investigación e empresas provedoras de servizos tecnolóxicos avanzados, xa que permite aproveitar as capacidades e experiencia do resto de axentes do Sistema galego de innovación e potenciar a innovación colaborativa.