Galicia e País Vasco avanzan en liñas de colaboración para impulsar a innovación e a formación na industria da automoción

2020-01-14
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou xunto co viceconselleiro de Industria do Goberno vasco, Javier Zarraonandia, a teniente deputado xeral de Álava e deputada foral de desenvolvemento económico e equilibrio territorial, Mª Pilar García de Salazar e representantes de Ceaga nunha reunión de traballo sobre o vehículo autónomo, conectado e eléctrico
  • Destaca o compromiso galego co impulso á innovación no sector da automoción con iniciativas como a BFAuto ou o hub de innovación dixital liderado por Ceaga
  • Incide na necesidade de que os perfís profesionais se adapten ás novas necesidades do mercado laboral e da industria

Vigo, 14 de xaneiro de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta maña en Vigo, xunto co viceconselleiro de Industria do Goberno vasco, Javier Zarraonandia, e a teniente deputada xeral de Álava e deputada foral de desenvolvemento económico e equilibrio territorial, Mª Pilar García de Salazar, ao encontro de traballo Desenvolvemento e fortalecemento do sector do automóbil, organizado por Ceaga para seguir impulsando a transformación dixital no sector da automoción e avanzar no coche autónomo, conectado e eléctrico. Conde destacou a necesidade de fomentar a colaboración entre os distintos axentes para favorecer o desenvolvemento desta industria estratéxica para Galicia e España apoiándose na innovación e na formación.

Neste sentido, Conde expuxo o compromiso de Galicia para estimular a I+D+i no sector da automoción e, como exemplo, referiuse ao traballo que se está a desenvolver na BFAuto,a aceleradora vai pola cuarta edición e ata agora xa ten permitido a creación de 35 empresas cunha facturación de 33M€ e a xeración de 250 empregos.

Tamén puxo en valor o hub de innovación dixital liderado por Ceaga –un dos dous que se están a desenvolver en Galicia- unha ferramenta estratéxica que impulsará o Goberno galego para incorporar tecnoloxías disruptivas ao tecido produtivo tanto en grandes empresas tractoras como nas pemes coa colaboración dos centros tecnolóxicos e universidades. En concreto, este hub contará con 14 empresas tractoras, entre elas PSA, GKN, Nueva Pescanova, Navantia, Ence ou Televés, e 14 centros de coñecemento entre clusters, centros tecnolóxicos e as tres universidades galegas.

Este hub permite a transferencia de coñecemento de tecnoloxías como Big Data, robótica ou intelixencia artificial con aplicación a sectores estratéxicos da economía galega como a automoción, pero tamén, o naval, o téxtil, o aeronáutico, a alimentación, as TIC, a industria forestal ou a pedra natural.

O conselleiro tamén salientou o esforzo que se está a realizar na Comunidade no eido da formación, co obxectivo de adaptala ás necesidades da industria e aos perfís máis demandados no mercado laboral.