A Xunta sinala que as Unidades Mixtas de Investigación contribuirán á transformación dixital de Navantia

2019-12-04
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Ferrol na xornada deste programa impulsado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) no que participa o estaleiro público
  • As UMIS Estaleiro 4.0 e Nautilus, que Navantia desenvolve co apoio da Xunta e a colaboración da UDC e de Aimen, permitirán un investimento de 7M€ entre 2015 e 2021
  • Cos avances alcanzados, Navantia está cada vez máis preparada para afrontar os desafíos técnicos e industrias do futuro, como o programa de fragatas F-110, e para conseguir novos contratos

Ferrol, 4 de decembro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Ferrol, durante a xornada de difusión das Unidades Mixtas de Investigación (UMIs) de Navantia, que a innovación aplicada tanto a procesos como a produtos fará que a industria naval galega estea á vangarda e se converta nun referente a nivel internacional.

Neste sentido, Conde explicou que a Xunta apoia a modernización de Navantia a través do programa de Unidades Mixtas de Investigación no que a empresa participa en colaboración con centros de coñecemento galegos. En concreto desenvolve desde 2015 Estaleiro 4.0 coa Universidade da Coruña –colaboración que se renovou coa consolidación do programa en 2018- e Nautilus, proxecto no que participa Aimen. “Esta colaboración debe permitir a transformación dixital do estaleiro e a incorporación de novas tecnoloxías”, asegurou Conde quen explicou que entre 2015 e 2021 se investirán máis de 7M€ nestas iniciativas.

Os traballos realizados no marco destas UMIs están permitindo mellorar a competitividade de Navantia, desenvolvendo novos procesos, integrando tecnoloxías disruptivas e fabricando produtos de maior valor engadido, o que redundará nunha maior rapidez e maior calidade nos traballos dos estaleiros, á vez que se logra unha fabricación máis económica e unha mellora nas prestacións dos buques. Con todos estes avances, Navantia está cada vez máis preparada para afrontar os desafíos técnicos e industrias do futuro, como o caso do programa de fragatas F-110, e para sumar novos contratos que acheguen unha maior carga de traballo ao estaleiro.

Estes proxectos forman parte do programa das Unidades Mixtas de Investigación posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de establecer un ecosistema de innovación atractivo para o investimento, fomentando a colaboración
público-privada e a conexión entre as necesidades das empresas e o coñecemento de universidades e centros de investigación. Desde a súa posta en marcha, hai un lustro, xa se apoiaron 39 unidades (5 delas no eido do naval) que dan emprego a 580 profesionais, mobilizan 114 millóns de euros e implican 13 centros de coñecemento e 33 empresas.

Apoio ao naval

O conselleiro volveu ratificar hoxe en Ferrol o compromiso da Xunta tanto co desenvolvemento do Estaleiro 4.0 como co Polo Naval de Ferrolterra.

Así, a Xunta ten mobilizado máis de 50M€ no desenvolvemento de accións que permiten a transformación dixital do sector, a súa diversificación e unha maior formación. É o caso do programa de Unidades Mixtas de Investigación, pero tamén dos proxectos realizados no marco dos programas Conecta Peme e Innterconecta; o Manufactur 4.0; a cualificación de máis de 3600 profesionais ou a nova liña de préstamos para apoiar a industria auxiliar.