Galicia ten un papel protagonista no II Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación que se celebra en Colombia

2019-11-25
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, intervirá no acto inaugural, como rexión líder e pioneira na implantación da Compra Pública Innovadora en España
  • Ao longo dos tres días que dura o Foro, participarán tamén representantes da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS); da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG); e da empresa Babcock e o centro tecnolóxico Gradiant, socios da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia
  • Os gañadores do Premio aos Empregados Públicos Innovadores realizarán unha visita ao laboratorio de innovación Ruta N en Medellín como parte do premio

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019.- Galicia ten un papel protagonista na segunda edición do Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación (CPI) e Innovación Aberta que se celebra desde mañá, martes 26, ata o xoves 28 de novembro na cidade colombiana de Medellín. Despois do éxito acadado na primeira edición deste encontro celebrado en Santiago de Compostela en 2018, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e ao que asistiron arredor de 200 expertos de administracións públicas, empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento de Chile, Colombia, Ecuador, España, México, Perú e Uruguai, a cidade de Medellín (Colombia) a través do seu centro de innovación e negocios, Ruta N, en colaboración co Banco Interamericano de Desarrollo toma o relevo e permite avanzar nunha relación estable entre España e América en relación ao impulso da CPI.

Galicia, como Comunidade líder e pioneira na implantación deste instrumento novidoso de contratación pública en España, terá unha presenza destacada neste evento que ten como obxectivo abordar as oportunidades e retos no emprego da Compra Pública de Innovación, así como intercambiar experiencias entre España e os países iberoamericanos a través da análise de casos de éxito. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar, intervirá mañá no acto inaugural do Foro e presentará, ademais, a Civil UAVs Initiative, a iniciativa para desenvolver un Polo Aeroespacial en Galicia arredor dos vehículos non tripulados, e a aceleradora especializada no sector aeroespacial, a BFAero, como casos de éxito de emprego da Compra Pública de Innovación en Galicia.

Pola súa banda, a Axencia de Coñecemento en Saúde do Sergas (ACIS) tamén participará no Foro expoñendo o proceso de consultas ao mercado do proxecto Código100 e a xerente de ACIS, Beatriz Allegue, falará sobre como facer que o marco legal e normativo non sexa unha barreira para a implementación desta modalidade de contratación pública. O director de innovación de Babcock, José Luís Sáiz, e o xerente do centro tecnolóxico Gradiant, Fernando Jiménez, achegarán a súa experiencia nun panel sobre servizos de apoio para activar a participación dos provedores de servizos tecnolóxicos nas licitacións a través de CPI.

Pola súa banda, o director de innovación e negocio da CRTVG, José Pereira, participará nun estudo de caso sobre a “economía laranxa” expoñendo un proxecto de CPI da Compañía de Radio Televisión de Galicia no contexto do sector audiovisual en España.

Ademais, varios dos gañadores do Premio aos Empregados Públicos Innovadores, convocado pola Axencia Galega de Innovación, pertencentes ao Laboratorio de Consumo de Galicia asistirán ao Foro e visitarán o laboratorio de innovación de Ruta N na cidade de Medellín como parte do galardón recibido.

Galicia, pioneira na implantación da Compra Pública de Innovación

Galicia é unha Comunidade pioneira no emprego da Compra Pública de Innovación (CPI), un instrumento de contratación das administracións públicas novidoso que permite fomentar a innovación desde a demanda co obxectivo de mellorar a prestación dos servizos públicos mediante a incorporación de bens ou servizos innovadores, así como impulsar a internacionalización da innovación empregando o mercado público local como cliente de lanzamento ou referencia.

No periodo orzamentario 2007-2013 a nosa Comunidade executou preto do 40% de toda a CPI que se contratou en España, con proxectos como Innovasaúde e Hospital2050, Laserpet, A-Tempo, Smartcity A Coruña e Innopharma. No periodo 2014-2020 Galicia conta con 70 millóns de euros de fondos europeos da liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda), xestionados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a través dos que se están a executar proxectos como o CIAR, Smartiago ou Código100. Ademais, a Xunta de Galicia está achegando fondos propios ao Polo Aeroespacial de Galicia.