A Materioteca de Galicia intensificará a captación de materiais galegos logo de incorporar 20 mostras en tan só cinco meses

2019-11-14
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria reúne en Ferrol a preto dun cento de participantes nun workshop sobre envasado sustentable para alimentación

Ferrol, 14 de novembro de 2019.- A Materioteca de Galicia presenta xa un balance moi positivo de actividade cando aínda non se cumpriron os primeiros seis meses desde a súa posta en marcha. De cara a 2020, a Xunta consolidará e ampliará as súas actividades como instalación de referencia dos materiais innovadores para as empresas e profesionais do deseño galegos. Así o destacou a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, durante a apertura do workshop Novos materiais para packaging sustentable, organizado hoxe pola Consellería de Economía, Emprego e Industria no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), no que tamén participou a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez.

A xornada, celebrada no marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020, reuniu a preto dun cento de profesionais do deseño, persoal investigador do campo dos novos materiais, estudantes e representantes de empresas. A través dos relatorios de expertos no sector, os asistentes puideron coñecer as oportunidades que abren os materiais innovadores para o envasado de alimentos coa menor pegada ambiental posible, así como experimentar con eles nun taller práctico.

A directora de Gainsubliñou que a Materioteca de Galicia exhibe xa 20 materiais creados por empresas e centros de coñecemento galegos e asegurou que esta cifra se incrementará significativamente durante o vindeiro ano grazas a un labor intensivo de captación de novas referencias. Argerey lembrou que a instalación combina unha exposición e arquivo de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial. Neste sentido, sinalou que desde a súa apertura en xuño de 2019, xa son varias as colaboracións entre empresas e profesionais do deseño galegos que se teñen propiciado desde o equipo xestor da materioteca.

Este traballo beneficiou xa a proxectos dos sectores forestal, téxtil, do deseño, da arquitectura e dos materiais. Como exemplo, a directora de Gain citou a apertura de vías de colaboración entre a empresa francesa Roctool coa peme galega Betanzos HB e co Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG). A través da deseñadora Noemí Cortizas estanse a analizar aplicacións dos materiais creados por estas dúas entidades galegas en produtos de Roctool.

En relación á temática do workshop de hoxe, Argerey destacou que a economía circular é unha prioridade para a Xunta, o que lle outorga un papel especial aos materiais que se sitúan no ámbito da ecoinnovación. Ese foi o eido no que se desenvolveu a presentación das prioridades da Estratexia Galega de Economía Circular, que será publicada antes de que remate o ano, segundo explicou a subdirectora xeral de Residuos da Xunta. Verónica Tellado insistiu na importancia do deseño para aplicar materiais sustentables ao envasado de alimentos, entre os que destacou os bioplásticos.

Dos bioplásticos á madeira

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, destacou que o deseño do packaging tanto para o comercio como para a artesanía debe atender á sustentabilidade e ao márketing para marcar a diferencia e trasladar os valores do produto. Neste ámbito, lembrou que a Xunta ten unha liña específica de axudas que se reabrirá en xaneiro.

O workshop contou coa participación de varias pemes galegas que expuxeron as súas experiencias neste campo. Betanzos HB e JJ Chicolino presentaron o proxecto enCAIXA, apoiado polo programa Conecta Peme de GAIN para investigar novas embalaxes elaboradas con madeira local. Papelera de Brandia mostrou as palliñas para líquidos e as bolsas antihumidade para o autoservizo de froitas e verduras que fabrican con papel para substituír o plástico. Ecoplas, premio Economía Azul na categoría de economía circular por ter a capacidade de fabricar toda a súa gama de produtos con bioplásticos, puxo como exemplo as mallas para envasar vexetais. Finalmente, desde Sigillum destacouse que a presión colectiva a favor da sustentabilidade está na orixe da innovación no packaging alimentario, centrada nos materiais e no deseño.

Por parte dos centros de coñecemento, o representante do CIS Madeira, dependente da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), asegurou que, seguindo as prácticas axeitadas, a madeira é un material perfectamente válido para fabricar envases nos que está en contacto directo cos alimentos, con garantía total de hixiene e inocuidade. Mentres, desde ANFACO-CECOPESCA resumiuse o futuro do envasado de alimentos no uso de envases ecoinnovadores, activos e intelixentes e na aplicación de extractos naturais, películas comestibles e microencapsulación.

O workshop completouse cun taller práctico a cargo de Material ConneXion Bilbao no que os participantes traballaron en grupo para xerar novas ideas e resolver retos baseados no uso de materiais innovadores para packaging sustentable.

Este workshop celebrouse no marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta de Galicia, que busca abrir canles de contacto produtivas entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, difundir casos de éxito e boas prácticas e ofrecer ferramentas prácticas de xestión dos elementos clave necesarios para que o deseño se converta nun factor de competitividade para o tecido industrial de Galicia.