Empresas galegas avanzan co apoio da Xunta no desenvolvemento de sistemas para controlar o impacto da industria téxtil e a autenticidade da moda sustentable

2019-11-11
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou en Lugo na presentación dos avances do proxecto no que participan AMSlab, Xenotechs, Mestrelab Research, Organistry e 2xMil, coa colaboración de varios grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela
  • A iniciativa conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do programa Conecta Peme, que está a mobilizar 150M€ en 187 proxectos de cooperación que están xerando 530 empregos

Lugo, 11 de novembro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Lugo na presentación dos avances no proxecto de innovación QC4SusTex, que se centra no desenvolvemento de ferramentas para controlar o impacto ambiental nas augas residuais da industria téxtil e para autentificar as fibras e tecidos que contan con certificación de moda sustentable.

A iniciativa, liderada polo laboratorio lucense AMSlab e na que participan tamén as empresas galegas Xenotechs (Lugo), Mestrelab Research (Santiago de Compostela), Organistry (Bergondo), 2xMil (Lugo) e varios grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, conta co apoio do programa Conecta Peme da Xunta de Galicia e o cofinanciamento de fondos FEDER. En concreto, este proxecto

Na súa intervención, Patricia Argerey destacou a aposta de Galicia por unha economía verde e a importante achega que pode facer a I+D+i. Neste sentido, felicitou aos socios deste proxecto por avanzar cara a unha industria máis sustentable e respectuosa co medio ambiente, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 que, no eido da fabricación, persegue unha industrialización sustentable grazas ao uso de procesos máis respectuosos co medio ambiente e un uso máis eficiente dos recursos, e a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que ten entre os seus retos un novo modelo industrial da Galicia do futuro, máis eficiente e cun mellor comportamento medioambiental.

Por último, Argerey apuntou a necesidade de desenvolver produtos que cheguen ao mercado e puxo como exemplo os sistemas desenvolvidos no marco deste proxecto e que xa son unha realidade, como un dispositivo de mostraxe que facilita a recollida e envío das mostras a fábrica, unha app que permite realizar in situ medicións de compostos químicos en augas residuais, un dispositivo electrónico que permite monitorizar online e de xeito centralizado o nivel de emisións contaminantes de numerosas fábricas téxtiles, varios tests que permiten a verificación de moda sostible, un software que permite diferenciar fibras sintéticas de fibras recicladas, etc. O proxecto continúa ata 2020 co desenvolvemento de ferramentas para a autentificación en laboratorio de fibras e tecidos adheridos a declaracións e certificacións de sustentabilidade no sector téxtil e do calzado.

Argerey puxo en valor a experiencia de cada unha das empresas e dos grupos de investigación que participan no proxecto co apoio da Xunta de Galicia a través do programa Conecta Peme, que fomenta a cooperación entre empresas e o resto de axentes do Sistema Galega de Innovación na realización de proxectos de I+D+i. Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está mobilizando 150 millóns de euros en 187 proxectos de cooperación nos que participan pemes, centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando 530 empregos en toda Galicia.