O grupo Televés avanza na implantación da fábrica intelixente para optimizar os seus procesos e lograr produtos máis personalizados

2019-10-24
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visita Gamelsa, compañía do grupo que desenvolve o proxecto Claudiia, que conta coa colaboración da Xunta e o CTAG
  • O proxecto, apoiado polo programa Fábrica Intelixente da Xunta de Galicia, ten un orzamento de 3,87 millóns de euros ata 2022 cofinanciado polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá en Santiago de Compostela a planta da empresa Gallega de Mecanizados Electrónicos (Gamelsa) no Polígono Industrial do Tambre para coñecer de primeira man o proxecto CLAUDIIA (Collaborative Layer for Automation and Development of Industrial Innovative Approache), que a empresa está a desenvolver en colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).

O proxecto, dotado cun orzamento de máis de 3,87 millóns de euros ata 2022 e apoiado pola convocatoria de 2019 do programa de Fábrica Intelixente da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria cofinanciado co Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

O proceso de dixitalización de Gamelsa pasa, entre outras accións, pola implantación co apoio do CTAG dun Xemelgo Dixital, un sistema virtual que representa a fábrica e favorece a optimización dos procesos aforrando tempo e consumos, anticipándose aos erros e simulando novos escenarios, por exemplo, antes de lanzar unha peza nova.

Segundo apuntou a directora de Gain, Patricia Argerey, este proceso de transformación da industria galega coñecido como Fábrica Intelixente ou Fábrica do Futuro ten unha grande potencialidade para o crecemento da economía e constitúe un dos factores clave para a competitividade do tecido empresarial galego.

Sinalou que o programa Fábrica Intelixente é o máis ambicioso co que conta o seu departamento para apoiar a I+D+i no ámbito da fábrica avanzada, e nel inclúense proxectos industriais innovadores liderados por PSA, Televés, FINSA, CUPA, COPO, Navantia, Borgwarner, Benteler, Albo e GAMELSA.

Este proxecto de desenvolvemento tecnolóxico experimental segue as premisas da Industria 4.0, xa que deseña, desenvolve e incorpora tecnoloxías facilitadoras da Industria do Futuro para conseguir unha factoría intelixente, e está aliñado coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3 Galicia), en concreto co reto 2, o modelo industrial da Galicia do futuro.

Gamelsa é unha empresa do grupo Televés especializada en procesos de mecanizado de chapa e tubo en todo tipo de materiais metálicos. Dado que os seus produtos son variados e de tiradas curtas, a aplicación dos conceptos da fabricación avanzada supón un aproveitamento dos recursos e a realización de produtos con maior grao de personalización. A empresa traballa fabricando para as empresas da súa corporación, pero sobre todo para terceiros, que representan o 70% da súa facturación. Con este proxecto persegue acadar unha posición de referencia no sector do metal.

Segundo proxecto de Fábrica Intelixente da corporación Televés

A directora de Gain destacou a aposta pola innovación e a Industria 4.0 do grupo Televés, que conta con dous proxectos apoiados no programa Fábrica Intelixente. O outro proxecto, que arrincou en 2016, é CORP4FUTURE (Creación, deseño e desenvolvemento de novas ferramentas e solucións para a industria do futuro). Este persegue implementar un novo modelo produtivo a través do uso de tecnoloxías facilitadoras da Industria 4.0 para flexibilizar e optimizar a cadea produtiva e o desenvolvemento de novas funcionalidades e solucións, así como provocar un cambio de modelo de negocio adaptados ás demandas dos diferentes mercados.