A Xunta destaca o talento innovador dos emprendedores galegos no Startupday de Viagalicia en Lugo

2019-10-17
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, abriu a xornada na que os equipos seleccionados nesta sexta edición da aceleradora impulsada en colaboración con Zona Franca tiveron que demostrar as súas capacidades e habilidades para pasar á seguinte fase
  • O obxectivo da iniciativa é apostar por proxectos innovadores a través dun amplo programa de formación, mentoring, coworking e financiamento
  • Argerey tamén participou na apertura da VIII Lonxa de Investidores no sector da Biotecnoloxía organizada polo clúster Bioga, no que se presentaron ante investidores públicos e privados proxectos do ámbito das Ciencias da Vida cun alto potencial de crecemento

Lugo, 17 de outubro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, transmitiulle esta mañá aos equipos seleccionados nesta sexta edición da aceleradora ViaGalicia en Lugo o compromiso da Xunta de Galicia co emprendemento innovador e coa captación e retención de talento en Galicia, a través da plataforma StartInGalicia, que agrupa todos os apoios da Consellería de Economía, Emprego e Industria ao emprendemento e ao crecemento empresarial. Ademais, informou aos emprendedores do completo mapa de apoios co que conta o seu departamento para cubrir todas as etapas do proceso innovador.

Os equipos seleccionados na sede de Lugo da aceleradora ViaGalicia asisten durante todo o día a unha xornada na que teñen que demostrar a través de dinámicas de grupo as súas capacidades e habilidades en ámbitos como o liderado, o traballo en equipo, a creatividade ou a capacidade de negociación. Despois desta sesión e da do pasado luns na sede de Vigo, o comité avaliador dará a coñecer a vindeira semana os proxectos seleccionados en cada sede —ata un máximo de 20- para pasar á seguinte fase da aceleradora, a Fase de Academia.

Na seguinte etapa, os equipos formaranse nas ferramentas necesarias para definir o seu modelo de negocio e mellorar as súas propostas de valor durante oito fins de semana. Esta sexta edición de ViaGalicia conta cun orzamento global de 2 millóns de euros destinado a formación, asesoramento, mentoring, coworking e financiamento dos proxectos que participen no programa de aceleración.

ViaGalicia é unha aceleradora impulsada pola Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, cuxo obxectivo é apostar por proxectos innovadores, acelerables e invertibles a través da súa participación nun amplo programa de formación, mentoring, coworking e financiamento.

VIII Lonxa de investidores de Bioga

Patricia Argerey participou tamén esta mañá na VIII Lonxa de Investidores no sector da Biotecnoloxía organizado polo clúster Bioga coa colaboración do Centro Tecnolóxico Alimentario de Lugo (CETAL). Argerey destacou que o éxito desta oitava edición non só consolida senón que confirma o crecemento desta cita única para expor proxectos do sector das Ciencias da Vida ante investidores profesionais de toda España tanto do sector público como privado. A directora de Gain reiterou o agradecemento aos investidores por participar e felicitou aos proxectos que se presentaban por chegar ata alí, polo seu alto potencial de crecemento e animounos sinalando que o 30% dos proxectos que pasaron por anteriores lonxas conseguiron financiamento a curto prazo.

Esta actividade enmárcase no programa Agrobiotech, a aceleradora dirixida ao impulso e ao crecemento sostible de pemes innovadoras en tres sectores estratéxicos: biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa. E, á súa vez, inscríbese na Estratexia Galega de Impulso á Biotecnoloxía posta en marcha co obxectivo de potenciar a transformación de sectores estratéxicos como o agroalimentario, o mar, o medioambiental ou o sanitario a través dunha tecnoloxía facilitadora esencial como a biotecnoloxía; e situar a Galicia como un actor clave a nivel internacional na cadea de valor deste sector.