A Xunta reivindica en Porto o valor do deseño galego como un distintivo de calidade e de competitividade empresarial

2019-10-16
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe a Porto Design Biennale, un encontro internacional centrado no valor cultural e empresarial do deseño
  • O traballo dos deseñadores galegos e empresas do sector está recollido na mostra “Galicia XXI, o deseño como motor”, que ofrece unha retrospectiva do talento visual autonómico
  • Conde salientou a necesidade de promocionar o deseño como parte da cultura empresarial para garantir o desenvolvemento comercial, representado en Galicia co Programa de Deseño para a Innovación 2020, pioneiro en España
  • O conselleiro chamou a estreitar lazos entre Galicia e Portugal para permitir unha expansión internacional dos creadores galegos

Porto (Portugal), 16 de outubro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe a Porto Design Biennale, un encontro internacional centrado no valor cultural e empresarial do deseño, que celebra este ano a súa primeira edición e no que participa Galicia.

Para esta edición, a comunidade galega estivo representada pola exposición Galicia XXI-O deseño como motor, unha escolma do traballo de deseño de máis de corenta estudos e profesionais do sector galegos, ben situados en Galicia ou ben traballando noutros países, e aos que se suma o traballo de figuras senlleiras do século XX como Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo. Esta mostra, coordinada polo director do Instituto do Deseño das Artes Contemporáneas (DIDAC), David Barro, está situada no espazo WOW de Finsa, e pretende proxectar o actual potencial creativo galego do ámbito do deseño.

A exposición enmárcase dentro das accións de difusión internacional propostas polo Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta de Galicia, un plan pioneiro en España, dedicado a poñer en marcha unha estratexia específica do deseño como dinamizador da innovación e da competitividade, recoñecendo así o seu valor económico e social. O titular de Economía, Emprego e Industria sinalou así a importancia de crear valor, potenciar a produtividade e acceder a novos mercados a través do deseño.

Deste xeito, o conselleiro recoñeceu a oportunidade industrial que supón a promoción da creatividade dentro de cada compañía, como un valor engadido que permita a diferenciación do tecido empresarial galego. Así, Conde sinalou a natureza transversal do deseño e a súa capacidade de definir a expansión de sectores tan diversos como o alimentario, o naval, a automoción ou o sector da madeira.

O conselleiro eloxiou o traballo dos deseñadores galegos, salientando a súa presenza internacional, particularmente subliñando o seu éxito no sector do contract, e chamou a estreitar lazos entre Galicia e Portugal para permitir unha maior expansión do traballo dos creadores galegos, xerando novas oportunidades para a colaboración e para a contratación.

A exposición galega permanecerá no espazo WOW ata o vindeiro 24 de novembro, e compleméntase coa presentación de dúas publicacións: O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia, que percorre os principais referentes galegos actuais na aplicación do deseño á innovación empresarial; e Galicia, o deseño como motor, que ofrece un repaso histórico polos fitos máis significativos desde as orixes do deseño na comunidade.

A Porto Design Biennale está promovida polas Cámaras Municipais de Porto e de Matosinhos, e conta coa organización de esad-idea, o Centro de Investigacións da Escola Superior de Artes e Design (ESAD).