A Xunta presenta en Portugal unha mostra sobre o deseño galego no marco da Porto Design Biennale, a gran cita europea do sector en 2019

2019-10-13
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria inaugura en Porto a exposición Galicia XXI. O design como motor, con traballos de máis de corenta profesionais do deseño galego
  • A mostra permanecerá aberta ao público ata o 24 de novembro no espazo WOW-Work on Wood by Finsa
  • Tamén se presenta en Portugal a publicación O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia, que recolle exemplos de éxito empresarial actuais

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2019.- O deseño galego contará cun espazo propio na Porto Design Biennale impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Axencia Galega de Innovación (Gain). A exposición Galicia XXI. O design como motor será inaugurada o vindeiro mércores, 16 de outubro, no espazo WOW-Work on Wood by Finsa, en Porto, e permanecerá aberta ao público ata o 24 de novembro.

A mostra colectiva ten como principal obxectivo posicionar e difundir o potencial creativo do deseño galego en Portugal no marco da Porto Desing Biennale. Este evento, que celebra a súa primeira edición como gran cita do deseño europeo deste ano, está organizado pola esad—idea e promovida polas Cámaras Municipais do Porto e de Matosinhos.

A exposición recolle pezas de máis de corenta estudios e profesionais do deseño galegos, tanto dos que exercen en Galicia como daqueles que están a destacar noutros países, aos que se suma o traballo de figuras senlleiras do século XX como Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo. Distribuída en cinco seccións, nela faise un percorrido por propostas arredor da industria, da empresa, da tradición, da actitude e da formación.

No caso da industria, explórase o precedente histórico de conexión entre deseño e industria que supuxo o traballo de Seoane e Díaz Pardo no Laboratorio de Formas e a fábrica de cerámica de Sargadelos. Polo que se refire á empresa, percórrense varios exemplos actuais de como o deseño contribúe de forma significativa á innovación e á competitividade do tecido produtivo, como é o caso de Pazo de Vilane, o Hotel Bela Fisterra ou bodegas como Paco e Lola ou Adegas Castrobrey.

A sección dedicada á tradición recolle o traballo de varios profesionais galegos que conxugan a modernidade co deseño artesanal, representados na mostra a través de pezas de Artur Álvarez, Ojea Studio e Marta Armada. No apartado denominado actitude preséntanse pezas de deseñadores e deseñadoras que comezaron a destacar a principios deste século con propostas nas que se lle dá protagonismo á funcionalidade, como é o caso do mobiliario de Isaac Piñeiro ou Tomás Alonso. Tamén da década de 2000 proceden a maior parte das referencias da sección dedicada á formación, con profesionais formados en Galicia e centrados en proxectos editoriais e de identidade visual, como é o caso da deseñadora de tipografías María Ramos.

Durante a inauguración será presentada tamén a publicación O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia, para difundir no país veciño os principais referentes galegos na aplicación do deseño á innovación empresarial. O evento complétase cunha mesa redonda sobre a importancia do deseño en Galicia e a súa integración no mundo da empresa.