A directora da Axencia Galega de Innovación afirma que espertar o interese das nenas pola ciencia e a innovación é unha prioridade do seu departamento

2019-09-24
  • Patricia Argerey fixo estas declaracións no marco do II Taller “Impulsando as futuras líderes en ciencia e tecnoloxía nuclear”, organizado pola asociación Women in Nuclear (WIN) España esta mañá en Vigo
  • No taller participaron rapazas de 12 a 15 anos co obxectivo de promover a ciencia e a tecnoloxía entre as mozas a través da interacción con mulleres profesionais
  • A directora de Gain achegou as actuacións de fomento das vocacións científicas da Axencia Galega de Innovación durante unha mesa redonda de presentación de casos de éxito

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar, comentou ante un público de rapazas de entre 12 e 15 anos que ten “unha obsesión e unha ocupación moi importante: traballar para que as nenas de Galicia sexan mellores profesionais o día de mañá naquelas áreas de futuro da nosa economía e da economía global e dixital”. Patricia Argerey achegaba así unha das prioridades do seu departamento, a de espertar o interese e a motivación das nenas pola ciencia e a innovación, no marco do II Taller “Impulsando as futuras líderes en ciencia e tecnoloxía nuclear” organizado por Women in Nuclear España esta mañá en Vigo, coincidindo coa 45º Reunión Anual da Sociedade Nuclear Española.

Argerey, que comezou explicando a súa propia traxectoria profesional e experiencia persoal, centrouse en explicar á audiencia as actuacións que leva a cabo o seu departamento para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade e, especialmente, entre as nenas e mozas. Neste ámbito, a directora de Gain puxo como exemplo das actividades encamiñadas a potenciar habilidades como a imaxinación, a creatividade e o espírito emprendedor como cualidades clave para o desenvolvemento dunha carreira profesional no eido científico-tecnolóxico, a feira Galiciencia, a maior feira científica para escolares que se celebra en Galicia, as Aulas Tecnópole, nas que os participantes desenvolven proxectos científico-tecnolóxicos ao longo do curso, ou os campamentos tecnolóxicos de verán -todas elas organizadas polo Parque Tecnolóxico de Ourense (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas; ou o Día Internacional das Rapazas nas TIC e as xornadas de portas abertas para centros de ensino secundario que organiza o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e as Aulas Parga Pondal, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal en Ponteceso.

Por último, a directora de Gain adiantou dous novos programas que se inician durante este curso 2019-2020 para fomentar vocacións científicas: o programa D´tec, para fomentar o Deseño, a Ciencia e a Tecnoloxía entre a mocidade e que incluirá espectáculos e talleres no CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol, e o programa de vocacións da Civil UAVs Initiative, a acción estratéxica da Xunta de Galicia para desenvolver o sector aeroespacial en Galicia, a través de talleres, charlas e visitas principalmente na cidade de Lugo e no Aeródromo de Rozas (Castro de Rei).