A Xunta subliña que os resultados da incubadora de novos fármacos permiten a Galicia estar máis preto do seu obxectivo de converterse nun referente no eido biotecnolóxico

2019-09-20
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá, en Santiago de Compostela, ao acto no que se presentaron os resultados alcanzados na fase de incubación dos tres proxectos seleccionados no eido da neurociencia e a oncoloxía
  • Destaca que é a primeira incubadora de España neste eido e a segunda Business Factory europea en materia de fármacos e saúde
  • O Goberno galego aposta polo modelo de colaboración público-privada para impulsar a biotecnoloxía, como o mellor xeito de conseguir un maior nivel de investigación sanitaria na Comunidade, a atracción de investimento, a xeración de emprego e a transferencia de coñecemento ao mercado

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá en Santiago de Compostela, durante o acto de presentación dos primeiros resultados da incubadora de novos fármacos impulsada pola Xunta e a Fundación Kaertor co apoio da empresa Janssen, que este proxecto permite a Galicia estar máis preto do seu obxectivo de converterse nun referente no eido biotecnolóxico, en concreto no referido á oferta de servizos e produtos relacionados cun modelo de vida saudable.

Tras recibir 157 manifestacións de interese, seleccionáronse un total de tres proxectos que xa remataron a fase de incubación cumprindo os fitos marcados. Trátase de iniciativas para afondar na área da neurociencia e da oncoloxía desenvolvidos por Quimatryx, a Universidade Complutense de Madrid e o Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III. Ademais, outra vintena de iniciativas pasaron xa a formar parte da carteira de proxectos da Fundación Kaertor. Neste tempo, o traballo realizado permitiu xerar e manter 42 postos de traballo. A partir de agora, comezará a parte de avaliación.

Conde eloxiou este programa que suma a excelencia científica da Fundación Kaertor coa experiencia e visión empresarial de Janssen, a primeira compañía mundial no coidado da saúde, e lembrou que se trata da primeira incubadora no eido do descubrimento de novos fármacos de España e a segunda Business Factory en Europa no campo farmacéutico e da saúde.

O conselleiro puxo en valor a fórmula de colaboración público-privada utilizada en Galicia para construír un dos escenarios de apoio á biotecnoloxía máis sólidos do país. Así, a Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), desde a súa posta en marcha, xa ten apoiado máis de 3500 iniciativas e contempla, entre os seus retos, avanzar no eido da vida saudable; a Estratexia galega da biotecnoloxía, xa mobilizou 200M€; e impúlsanse iniciativas específicas no eido da biotecnoloxía e a rama biosanitaria como a aceleradora BioIncubaTech; e proxectos realizados a través das Unidades Mixtas de Investigación, Ignicia e Conecta Peme; ademais do hub liderado por Bioga.

Conde explicou que a Xunta seguirá participando nestas alianzas que se traducen nun maior nivel de investigación sanitaria en Galicia, a atracción de investimento, a xeración de emprego e a transferencia de coñecemento ao mercado internacional.