Conde resalta a importancia da colaboración público-privada para lograr novos avances en innovación biotecnolóxica

2019-09-19
  • A iniciativa galardoada crea solucións innovadoras para a mellora da diagnose, o tratamento e a avaliación dos doentes oncolóxicos de maneira individualizada
  • A Xunta ten apoiado a creación de 39 Unidades Mixtas nas que, cun investimento mobilizado de 114M€, participan 33 empresas e 13 organismos de investigación

Madrid, 19 de setembro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe en Madrid, na entrega dos premios ECO, organizados pola Fundación para la Excelencia y la Calidad de la Oncología, a importancia da colaboración público-privada para seguir logrando novos avances en innovación biotecnolóxica.

Conde acompañou neste acto aos responsables da Unidade Mixta Roche- Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que recibiu o Premio extraordinario á mellor iniciativa de colaboración público-privada en oncoloxía. Este proxecto, que conta co apoio da Xunta de Galicia, busca avanzar na oncoloxía de precisión afondando no coñecemento dos mecanismos moleculares que caracterizan aos tumores, especialmente nas etapas claves de desenvolvemento, evolución, control da diseminación tumoral e metástase no cancro de mama e próstata, coa finalidade de desenvolver ferramentas que axuden no manexo clínico dos doentes.

Así, o equipo, liderado polo doutor Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico de Santiago, crea solucións innovadoras para a mellora da diagnose, o tratamento, a avaliación e a monitorización dos doentes de maneira individualizada. Céntrase no estudo de procesos metastásicos que dean lugar a tecnoloxías e produtos con aplicación clínica que melloren as expectativas da vida dos doentes.

As Unidades Mixtas de Investigación, impulsadas pola Xunta, son alianzas estratéxicas entre organismos de investigación e o tecido empresarial para desenvolver a través da colaboración público-privada proxectos de I+D+i aliñados cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). En total, téñense creado 39 Unidades Mixtas desde 2014, nas que, cun investimento mobilizado de 114M€, participan 33 empresas e 13 organismos de investigación, que teñen empregado a preto de 580 profesionais.