Conde destaca que o acordo entre a Universidade de Vigo e Boeing supón un novo paso para facer de Galicia un referente da industria aeroespacial

2019-09-18
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá, no Campus de Ourense, á sinatura do convenio
  • O acordo recolle a creación dun laboratorio para o estudo das actividades aeroespaciais, o premio Boeing aos mellores expedientes nas titulacións vencelladas a este eido, así como xornadas de difusión e a realización de prácticas
  • O polo aeroespacial de Galicia, que participará o vindeiro mes de novembro no Commercial UAVs Show de Londres, suma un investimento público-privado de 164M€ e nos seus proxectos xa están traballando preto de 500 persoas

Ourense, 18 de setembro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Ourense á sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e Boeing e destacou que este acordo, que nace no marco do polo aeroespacial de Galicia e que constitúe un fito de colaboración pública-privada, supón un novo paso para facer de Galicia un referente desta industria.

Entre as medidas contempladas neste convenio, figuran a creación dun laboratorio para o estudo das actividades aeroespaciais, o Boeing-Lab; a creación do premio Boeing para os mellores expedientes en titulacións desta enxeñaría; xornadas de difusión e prácticas no centro europeo de investigación e tecnoloxía da empresa: “É a demostración da importancia da transferencia do coñecemento”, asegurou o conselleiro quen indicou o beneficio mutuo deste convenio que permitirá o enriquecemento académico e o crecemento empresarial. Neste sentido, tamén se referiu á importancia deste acordo que permitirá mellorar a formación e fomentar a vocación aeroespacial entre os mozos e mozas.

Conde puxo en valor a aposta de Boeing por Galicia e expresou o seu desexo de que esta alianza sexa duradeira a través dun proxecto no polo aeroespacial galego para identificar as debilidades e fortalezas do tráfico aéreo tripulado e non tripulado no que se impulsa un consorcio xunto con Enaire, Televés e o Inta, cun orzamento de 11M€ e que xerará 58 postos de traballo. Tamén destacou que, froito desta colaboración, Galicia contará coa primeira aula Newton da compañía en España que disporá de infraestruturas móbiles e simuladores de voo.

Polo aeroespacial

O polo aeroespacial de Galicia, impulsado pola Xunta coa colaboración de socios estratéxicos como Indra, Babcock e ao que se vén de sumar Boeing, conta cun investimento público-privado de 164M€ e nas iniciativas e proxectos que se están desenvolvendo xa traballan máis de 500 persoas. “Esta iniciativa achega emprego de calidade e solucións innovadoras a un sector competitivo como o aeronáutico, grazas á implicación empresarial”, subliñou Conde.

Dentro da súa estratexia de internacionalización para dar a coñecer os traballos e avances que se están conseguindo, o polo aeroespacial exhibirá os seus resultados o vindeiro mes de novembro no Commercial UAVs Show de Londres.