A Xunta destaca en Vilasantar a aposta da madereira Aserpal pola innovación e a dixitalización para ser máis competitiva

2019-09-17
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director xeral do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), Javier Ponce, visitaron a empresa dedicada á fabricación de chapa de madeira, que desenvolve proxectos de I+D+i apoiados por ambas administracións
  • O laboratorio dixital de Aserpal, que comezará a funcionar na primavera de 2020, desenvolverá novos proxectos de impresión dixital, traballando con papel melanímico e tecnoloxía especializada
  • Gain e CDTI organizaron tamén hoxe unha xornada de presentación de instrumentos de financiamento para a innovación na Coruña

Vilasantar (A Coruña), 17 de setembro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, o director xeral do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), Javier Ponce, visitaron esta mañá en Vilasantar (A Coruña) a empresa Aserpal, que está desenvolvendo proxectos de I+D+i co apoio da Xunta e o centro dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A directora de Gain destacou a forte aposta pola innovación do grupo Losán, do que forma parte Aserpal, sobre todo innovación de produto, e pola dixitalización da produción. De feito, durante a visita tiveron oportunidade de coñecer o laboratorio dixital de Aserpal, que comezará a funcionar na primavera de 2020 e que desenvolverá novos proxectos de impresión dixital, traballando con papel melamínico e tecnoloxía especializada, coa colaboración de CDTI e Gain.

Argerey subliñou tamén o compromiso do grupo Losán cunha Galicia verde, co desenvolvemento económico da zona, e coa responsabilidade social corporativa, o que, xunto coa innovación, lle ten permitido medrar desde unha pequena carpintería local hai cinco décadas ata converterse nun gran grupo empresarial, referente a nivel nacional e internacional. En concreto, a innovación tenlle permitido ampliar a súa gama de produtos en todo o mundo e adaptarse ao mercado.

Patricia Argerey destacou o papel estratéxico da industria forestal galega no crecemento da economía galega, empregando a preto de 80.000 familias e achegando o 2% do PIB. Por este motivo, á Xunta de Galicia correspóndelle acompañar as iniciativas que melloren a competitividade do sector. Así, os proxectos apoiados desde Gain desde 2014 teñen mobilizado preto de 20 millóns de euros. Ademais, desde a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) póñense en marcha medidas específicas para o sector, centradas na mellora de procesos, produtos e a formación especializada.

Novidades nos instrumentos de financiamento de CDTI

A continuación da visita a Aserpal, a directora de Gain e o director de CDTI participaron na Coruña nunha xornada de presentación das novidades nos instrumentos de financiamento do ente estatal á I+D+i empresarial. O director de CDTI fixo fincapé na Liña Directa de Expansión (LIC A), unha actuación que está reservada a determinadas rexións españolas, entre elas Galicia, e que apoia o desenvolvemento de plans de investimento que faciliten o crecemento das pemes.

Patricia Argerey animou aos asistentes a aproveitar as oportunidades de financiamento a proxectos de I+D+i de CDTI, complementarias ás axudas autonómicas, para impulsar a competitividade do noso sector empresarial.