A Xunta abre unha nova liña de axudas con 1,55 M€ para mellorar a competitividade e a internacionalización da innovación galega

2019-09-13
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou hoxe en Santiago o programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de outubro
  • Esta convocatoria de apoio, pioneira en España, busca fomentar a participación galega no programa europeo Horizon 2020, impulsar as propostas presentadas por pemes que obtiveran selo de excelencia e contribuír á proxección exterior do Sistema galego de I+D+i

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou esta mañá en Santiago de Compostela a nova convocatoria de axudas para fomentar a participación galega no Programa Marco de I+D+i da Unión Europea Horizon 2020. Esta nova liña de apoios, dotada con 1,55 millóns de euros, ten aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 30 de outubro ou ata o esgotamento de fondos. O obxectivo é dobre: por un lado, mellorar a competitividade do Sistema galego de innovación e, por outro, fomentar a súa internacionalización, a través da mellora da calidade das propostas galegas presentadas ao programa H2020, así como do apoio económico ás propostas cuxa excelencia foi avalada pola Unión Europea e que non accederon a financiamento europeo.

Patricia Argerey subliñou que este programa permitirá seguir reforzando a participación dos axentes galegos, especialmente das empresas, no programa Horizon2020, o Programa Marco de I+D+i da Unión Europea. O retorno acadado pola participación galega en H2020 medrou respecto do anterior Programa Marco, pasando de 89,95 millóns de euros nos 7 anos do FP7 a 93,04 millóns de euros nos primeiros cinco anos de H2020.

Na xornada, ademais de coñecer os detalles da convocatoria, varias entidades beneficiarias de axudas do programa H2020 deron a coñecer a súa experiencia práctica. En concreto, na mesa redonda de casos de éxito, participaron Patricia Rey da Fundación Biomédica Profesor Novoa Santos; Anxo Vidal, representante da empresa Ecoplas Barbanza; Fernando Sánchez, do Centro Tecnolóxico AIMEN, e Javier Pereiro, director xerente de FEUGA, como moderador.

Unha convocatoria pioneira

Cofinanciada con fondos do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, trátase da primeira convocatoria en España que contempla todas estas liñas de apoio a pemes e organismos de investigación: unha liña que permitirá financiar propostas de pemes galegas que acadaron o selo de excelencia da Comisión Europea nas Fases 1 e 2 da convocatoria Instrumento PEME de Horizon2020 desde 2016 e que non obtiveron financiamento europeo; e outra dirixida a apoiar a preparación de propostas de calidade tanto de pemes como de organismos públicos e privados de investigación co obxectivo de aumentar o retorno acadado polas entidades galegas no Programa Marco da UE.

A primeira liña, dirixida a pemes e organismos públicos ou privados de investigación e difusión, apoiará propostas individuais ou en consorcio presentadas a calquera convocatoria de H2020 (agás ERC) e que obtiveran unha puntuación superior ao 75% da nota máxima establecida na convocatoria á que concorreron pero que non obtiveran financiamento. Neste caso subvenciónanse os custos de preparación da proposta presentada cunha axuda de ata o 80%.

A segunda liña, dirixida só a pemes, divídese, á súa vez, en dúas modalidades: a primeira que apoiará a realización dun estudo de viabilidade dunha proposta individual presentada a unha convocatoria da Fase I de Instrumento Peme e que obtivera unha nota de avaliación igual ou superior aos 13 puntos ou selo de excelencia, optando a unha axuda de ata o 70% (máximo 50.000 euros), e outra que financiará o desenvolvemento de proxectos individuais que xa foron avalados pola Comisión Europea, na Fase II do Instrumento Peme cunha nota de avaliación igual ou superior a 12 puntos ou obtiveran selo de excelencia, cunha axuda de entre o 35% e o 50% (máximo 800.000 euros). Ambas modalides están enfocadas a pemes e teñen carácter plurianual. Agárdase que preto de 30 propostas galegas presentadas a Instrumento Peme e que recibiron o selo de excelencia poderían acceder a esta segunda liña de apoio.

A dotación desta convocatoria é de 1.555.000 euros, dos que 1,3 millóns están reservados a pemes, e prevese un investimento público total de 5 millóns de euros ata 2022. Forma parte dunha liña de axudas que se estenderá ata o 2022, adiantándose ás modificacións dos programas da Unión Europea e prevendo xa o apoio á participación no seguinte Programa Marco, Horizonte Europa, e ás accións do Consello Europeo de Innovación que dean continuidade ao Instrumento PEME a partir de 2020.