Feijóo anima ao tecido industrial galego a seguir apostando pola innovación e garante que nese camiño conta co apoio da Xunta

2019-09-10
  • Destaca o obxectivo da Axenda Industria 4.0, “coa que buscamos a mobilización de 900 millóns de euros e a creación de 13.500 empregos nos próximos catro anos”
  • Avoga por redobrar os esforzos para implementar a formación e especialización dos traballadores, para que esta se axuste constantemente ás necesidades que marca a Industria 4.0
  • “Hoxe Galicia é innovación cando falamos dos sectores máis tradicionais da nosa economía, como poden ser a automoción, o naval ou o agroalimentario; e cando falamos dos ámbitos emerxentes, como o biotecnolóxico ou o aeronáutico”, di

Vigo, 10 de setembro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe, durante o acto inaugural de Mindtech 2019, ao tecido industrial galego a seguir apostando pola innovación e aseverou que nese camiño a industria galega conta co compromiso inequívoco da Xunta. Un compromiso, dixo, reflectido na Axenda Industria 4.0, “coa que buscamos a mobilización de 900 millóns de euros e a creación de 13.500 empregos na Comunidade nos próximos catro anos”, explicou, recordando tamén, a modo de exemplo, que a posta en marcha da Axenda 4.0 en 2014 axudou a preto de 9.000 empresas e creou 19.300 novos empregos industriais.

Así mesmo, e no eido da formación, destacou os plans específicos que, desde a Administración autonómica, se están a desenvolver para a industria naval, forestal e a automoción e que están a permitir formar, desde 2017 a máis de 8.600 persoas.

“A nosa posición como axentes claves debe ser a de facultar ás industrias cun corpus administrativo que subliñe as necesidades inmediatas, tenda pontes para o crecemento e ofreza solucións unívocas para a consecución dos seus obxectivos”, abundou.

Feijóo avogou por redobrar os esforzos para implementar a formación e especialización dos traballadores, para que esta se axuste constantemente ás necesidades que marca a Industria 4.0. E lembrou que a automatización e a robotización comezan a ser parte xa da gran industria nacional, ata o punto de que, nos próximos anos, suporán a creación de ata dous millóns de empregos novos.

Logo de referirse a Mindtech como unha exhibición de potencia creativa, de resolución tecnolóxica e de oportunidade económica e comercial, Feijóo concluíu aseverando que “hoxe Galicia é innovación cando falamos dos sectores máis tradicionais da nosa economía, como poden ser a automoción, o naval ou o sector agroalimentario; e, tamén, cando falamos dos ámbitos emerxentes, como o biotecnolóxico, o aeronáutico ou o sanitario”. Ao respecto, destacou exemplos como: o primeiro coche autónomo do mundo, resultado do traballo conxunto do CTAG e PSA, e que iniciou o seu percorrido en Vigo; a construción de barcos na que Galicia é un referente, con máis da metade dos contratos do naval de España; ou o traballo do Polo aeroespacial de Rozas.