Conde destaca o labor do Centro Oceanográfico de Vigo no impulso á innovación e a diferenciación do sector pesqueiro galego

2019-08-28
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións dependentes do Instituto Español de Oceanografía, cuxos centros contan cun apoio de 120.000 euros a través dos contratos programa da Xunta
  • A Administración autonómica incrementa nun 23,6%, ata os oito millóns de euros, estes apoios aos centros tecnolóxicos e de investigación non universitarios
  • Sinala que o Centro Oceanográfico de Vigo está nestes momentos traballando en 80 proxectos, un 80% deles con financiamento externo, o que supón unha mostra da competitividade dos investigadores que desenvolven alí o seu traballo

Vigo, 28 de agosto de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na súa visita ao Centro Oceanográfico de Vigo, dependente do Instituto Español de Investigación (IEO), o importante labor deste organismo no impulso á innovación e a diferenciación do sector pesqueiro galego.

Conde apuntou que o centro vigués, con máis dun século de historia, contribúe cos seus proxectos á investigación no ámbito mariño e na acuicultura, así como á protección medioambiental e á loita contra o cambio climático. O conselleiro subliñou a colaboración co IEO nos diferentes programas da Xunta de Galicia, sinalando que se seguirá avanzando no traballo conxunto en eidos como a formación e a captación de talento.

Francisco Conde destacou que o Centro Oceanográfico de Vigo está nestes momentos traballando en 80 proxectos. Destes, un 80% deles contan con financiamento externo, o que o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou como unha mostra da competitividade dos investigadores que desenvolven alí o seu traballo. Neste sentido, Francisco Conde fixo fincapé en que os investigadores son o eixo central no desenvolvemento dos proxectos que están permitindo a transformación de Galicia, impulsando a competitividade do tecido produtivo a través da diferenciación.

Entre as diferentes medidas para seguir avanzando neste ámbito, a Xunta incrementa nun 23,6%, ata os oito millóns de euros, as axudas para os contratos programa aos centros tecnolóxicos de Galicia, as fundacions de investigación sanitarias e os centros na Comunidade do CSIC e o IEO.

Do total, 5,4 millóns de euros concederanse a través da convocatoria de axudas para a consolidación dos nove centros tecnolóxicos consolidados, aberta á presentación de solicitudes ata o 13 de setembro; mentres que 2,62 millóns de euros se destinan ás fundacións de investigación sanitarias galegas e os centros de investigación do CSIC e o IEO situados en Galicia.

En concreto, os centros do Instituto Oceanográfico Español en Galicia contan cun apoio de 120.000 euros, potenciando así as liñas de investigación actuais e os novos proxectos, con impacto real na competitividade económica galega.