A Xunta apoia a participación da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla nun consorcio europeo de investigación

2019-08-01
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou hoxe este centro da Universidade de Vigo, que participa na rede europea de instalacións de investigación mariña ERIC EMBRC co apoio da Administración autonómica
  • O acceso ás principais infraestruturas de investigación mariña e a bases de datos de recursos biolóxicos e biotecnoloxía mariña permitirá mellorar a saúde dos mares, co conseguinte impacto na saúde das persoas e en actividades económicas como a pesca

Vigo, 1 de agosto de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) da Universidade de Vigo para coñecer de primeira man os resultados da participación deste centro no Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación ERIC Eu-EMBRC, dedicado ao estudo dos recursos biolóxicos mariños e a biotecnoloxía azul.

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou que este consorcio formado polas principais instalacións europeas no ámbito da investigación mariña permite á comunidade científica o acceso ao conxunto de ecosistemas mariños e organismos dos mares litorais de Europa, contribuíndo deste xeito á mellora da saúde dos mares, co seu conseguinte impacto sobre a saúde das persoas e un gran número de actividades económicas, como a pesca, de tanta importancia para Galicia.

A ECIMAT, xunto á Estación Mariña de Plentzia no País Vasco, forman o nodo español desta rede, na que participan 8 países europeos e Israel e un total de 29 estacións. Algúns dos primeiros retornos desta participación chegan en forma de proxectos europeos, xa que, a través de EMBRC, a Universidade de Vigo forma parte de consorcios de senllos proxectos europeos do programa marco de I+D+i Horizon 2020, e coordina o proxecto de desenvolvemento interrexional EBB (European Blue Biobank), todos eles proxectos de gran envergadura. Todo iso leva aparellado un mellor posicionamento e visibilidade da institución universitaria e o establecemento de colaboracións con outros organismos europeos con intereses similares.

A Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria achega o 50% do financiamento do custo de participación da Universidade de Vigo neste consorcio europeo ata 2022. Xunto á Universidade de Santiago de Compostela, que participa no consorcio EU-Openscreen a través da Plataforma Innopharma, é a primeira vez que entidades galegas forman parte deste tipo de estruturas europeas.

Os Consorcios Europeos de Infraestruturas de Investigación (ERIC) son estruturas de interese europeo que permiten achegar os grupos de investigación de toda Europa a instalacións científicas internacionais de alto nivel, permitindo maximizar así o seu uso, impacto e beneficios en toda Europa. Ademais, xogan un papel fundamental na produción de ciencia excelente, pois atraen talento e actúan como catalizadores para o desenvolvemento de novos conceptos, teorías e tecnoloxías transferibles á industria e aos mercados. Así mesmo, constitúen plataformas fundamentais para a formación das futuras xeracións de científicos e tecnólogos. Un exemplo de ERIC é o colisionador de hadróns do Centro Nuclear Europeo (CERN).

O consorcio EMBRC-ERIC permite o acceso de investigadores así como de pemes e organizacións industriais, a instalacións e equipamento de primeiro nivel, o que permite explorar novos camiños para o aproveitamento dos recursos mariños dunha forma sustentable co uso da biotecnoloxía.

Situada na contorna única da illa de Toralla, a ECIMAT convértese na porta de entrada aos ecosistemas das rías e á riqueza da súa biodiversidade. A existencia de infraestruturas como a ECIMAT tamén serve como catalizador de actividades empresariais. Nas instalacións da ECIMAT lévanse a cabo moitos proxectos de I+D nos que participan empresas, xeralmente relacionadas co sector da acuicultura. Así mesmo, existe unha forte vinculación con clusters do sector como ANFACO-Cecopesca, que participan como socios no proxecto EBB mencionado anteriormente.

As actividades no marco do EMBRC-ERIC están aliñadas coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), xa que esta identifica como reto prioritario o desenvolvemento dun novo modelo de xestión dos recursos naturais baseado na innovación, entre outros no ámbito dos recursos mariños, e destaca o emprego da biotecnoloxía como tecnoloxía facilitadora esencial, capaz de contribuír á modernización de sectores máis tradicionais da nosa economía.

Ademais, o apoio da Xunta á participación das universidades galegas en grandes consorcios europeos como estes enmárcase na aposta por poñer en valor a investigación científico-tecnolóxica de excelente calidade que se produce en Galicia, especialmente naquelas áreas de coñecemento conectadas coa realidade do tecido produtivo e da sociedade galega.