Conde apela á colaboración entre administracións, universidades, centros tecnolóxicos e empresas para avanzar no desenvolvemento dos materiais compostos

2019-07-03
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo no XIII Congreso Nacional de Materiais Compostos, un foro científico, técnico e empresarial ao que asisten 350 profesionais do eido da investigación e da industria
  • Destaca a importancia de seguir avanzando neste campo para que o tecido empresarial sexa máis forte e competitivo
  • Indica que as aceleradoras Business Factory Auto (BFAuto) e a Business Factory Aero (BFAero), que promove a Xunta, contan con proxectos vinculados á investigación de materiais compostos
  • O titular de Economía apunta tamén ao forestal como unha industria cun abano de oportunidades no ámbito da innovación

Vigo, 3 de xullo de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apelou hoxe en Vigo, no XIII Congreso Nacional de Materiais Compostos, á colaboración entre administracións, universidades, centros tecnolóxicos e empresas para avanzar xuntos no desenvolvemento dos materiais compostos.

Conde destacou neste foro científico, técnico e empresarial, no que se dan cita máis de 350 profesionais de diversos campos da investigación e da industria, as vantaxes dos materiais compostos para facer unha industria cada vez máis competitiva. Ao respecto, sinalou a importancia de apostar por procesos e produtos eficientes, que teñan no seu ADN a sustentabilidade.

O titular de Economía indicou que apostar por pezas desenvoltas con materiais compostos, que ofrecen produtos de menor peso e con propiedades mecánicas máis elevadas, é sinónimo de innovación, progreso e eficiencia. Por iso, avogou por seguir avanzando na investigación deste tipo de materiais para que o tecido produtivo gañe en presenza e fortaleza.

O conselleiro explicou que a Xunta, entre outras, está promovendo dúas aceleradoras nos sectores da automoción (Business Factory Auto) e da aeronáutica (Business Factory Aero) nas que se están desenvolvendo proxectos vinculados aos materiais compostos. Conde, ademais, referiuse ao sector forestal como un eido cun abano de oportunidades no ámbito da innovación. Neste intre, puxo en valor o uso da madeira local en novas construcións e en rehabilitacións e resaltou a importancia de deseñar alternativas máis respectuosas co medio ambiente a través de materiais, como os compostos, que ofrecen grandes prestacións.

Para rematar, incidiu na necesidade de apostar pola colaboración público-privada e na importancia de transferir o coñecemento ao tecido empresarial como clave para estimular a innovación.

No eido do deseño e a innovación, a Xunta vén de poñer en marcha en Ferrol a materioteca, un espazo de difusión de materiais innovadores no que se ofrecen servizos especializados para facilitar á industria o uso de novos materiais.