Galicia conta co tecido industrial, centros de coñecemento e talento necesarios para crear un sector aeronáutico sólido e en crecemento

2019-06-27
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou hoxe en Santiago o III Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial
  • Indica que Galicia e a súa industria aeroespacial queren marcar tendencia, sinalando as oportunidades económicas e sociais que ofrece este sector en plena expansión
  • O Consorcio Aeronáutico Galego aglutina a unha trintena de empresas que facturan ao ano 130M€ e xeran 1200 postos de traballo
  • O Polo Aeroespacial de Galicia xa ten permitido a creación de máis de 400 empregos e executáronse a metade dos 164M€ que están programados
  • Lembra os proxectos que se están desenvolvendo e que proximamente empezarán a dar servizos á sociedade como o dron mariño deseñado pola Universidade de Vigo e Indra, o dispositivo Lifeseeker para a localización de persoas creado por Centum ou a acelebradora BFAero localizada en Lugo

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou hoxe o III Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial impulsado polo Consorcio Aeronáutico Galego no que sinalou que Galicia quere marcar tendencia neste eido. Neste sentido, destacou que conta co tecido industrial, os centros de coñecemento e o talento necesarios para crear unha industria sólida e en crecemento.

No evento, que se consolida como unha cita anual imprescindible para o sector e que pon de manifesto o grado de compromiso da Comunidade galega, o titular de Economía indicou que esta industria está en plena expansión explicando as oportunidades económicas e sociais que ofrece.

Con respecto ás económicas apuntou que, segundo o estudo sobre o sector servizos aeronáuticos en España publicado pola Asociación Española de Tecnoloxías de Defensa, Aeronáutica e Espazo (Tedae), a flota de aeronaves duplicarase nos próximos 20 anos e demandaranse novos servizos, o que contribuirá de xeito decisivo á creación de emprego. En Galicia, esta industria, a través do Consorcio Aeronáutico Galego, aglutina a unha trintena de empresas que factura 130 millóns de euros ao ano e dá emprego a 1200 persoas. Ademais, pasáronse dos 14 operadores de 2015 ás 206 empresas autorizadas pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) a peche de 2018 no eido dos vehículos aéreos non tripulados.

No plano social, Conde sinalou que os drons son unha das tecnoloxías máis disruptivas que ofrecen aplicacións que abren novas oportunidades en ámbitos como a agricultura, a seguridade, a vixilancia e a entrega de envíos. Neste senso, puxo en valor o Polo Aeroespacial de Galicia, unha das mellores iniciativas europeas co que a Comunidade galega está avanzando no seu plan de internacionalización. Recordou, ademais, os proxectos que nel se están desenvolvendo e que proximamente empezarán a dar servizos á sociedade como o dron mariño deseñado pola Universidade de Vigo e Indra; os tres helicópteros non tripulados con prototipos que xa fan ensaios de voo; o dispositivo creado por Centum, o Lifeseeker, para a localización de persoas desaparecidas, que xa está en fase de comercialización; e a aceleradora BFAero, ubicada en Lugo, e que trata de avanzar en retos globais. En definitiva, o que busca Galicia é dar resposta ao control e mellora da flota pesqueira, a xestión forestal ou o tráfico aéreo en espazos compartidos. Engadiu, ademais, que o Polo Aeroespacial de Galicia está demostrando que cando a Comunidade galega suma capacidades é capaz de conseguir os seus obxectivos e de atraer a socios de proxección internacional como é o caso das multinacionais Boeing, Indra e Babcock.

O Polo Aeroespacial en cifras

O Polo Aeroespacial de Galicia, unha iniciativa conxunta impulsada por empresas líderes, pemes galegas con experiencia, entidades colaboradoras como o CTAG, as universidades e as administracións, conta cinco anos despois da súa posta en marcha cun investimento programado de 164M€ (a metade xa está en execución); a implicación de 50 axentes; o desenvolvemento de máis de 35 proxectos de I+D+i, emprendemento e infraestruturas; e a creación de máis de 400 empregos creados coa previsión de chegar a preto de 500 directos.

A través deste Polo puxéronse en marcha cinco programas ao que se sumará proximamente un sexto dirixido ás vocacións científicos-tecnolóxicas. Os cinco programas postos en marcha son: o de I+D con socios estratéxicos como Indra e Babcock; o de solucións para contar con tecnoloxías innovadoras que ofrezan mellores servizos públicos e que xa conta con 10 licitacións resoltas; o de infraestruturas a través do que se impulsou o crecemento do aeródromo de Rozas e o centro de investigación, así como o parque industrial que na actualidade está en fase de construción; o programa científico desenvolvido por Inta; e, por último, o de emprendemento e talento a través da BFAero, que conta cos cinco primeiros proxectos en marcha na primeira das tres convocatorias previstas desta aceleradora.

O obxectivo último é, segundo incidiu Conde, posicionar a Galicia para ser líderes neste campo a nivel internacional ofrecendo solucións para a mellora da calidade de vida e benestar dos cidadáns.