A Xunta participa hoxe en Madrid na feira Expodrónica 2019, a principal cita europea dos drons civís

2019-06-27
  • A Administración autonómica presentará a Civil UAVs Initiative (CUI) no World Drone Forum e contará cun stand propio no espazo expositivo do evento, que se celebra en Ifema
  • A multinacional británica Babcock, as empresas Indra, Imatia, Eptisa, SRM Consulting, UAV Works, Aeromedia, Sixtema, Centum, UAVS Instruments, Babcock e o centro tecnolóxico CTAG, que participan na CUI, acompañarán á Xunta

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), participa hoxe e mañá, en Ifema (Madrid) na quinta edición do evento máis importante no ámbito exclusivo dos drons civís en Europa. Xunto á Xunta, asistirán á feira a multinacional británica Babcock, as empresas Indra, Imatia, Eptisa, SRM Consulting, UAV Works, Aeromedia, Sixtema, Centum, UAVS Instruments e o centro tecnolóxico CTAG, que participan na Civil UAVs Initiative (CUI), o proxecto da Administración autonómica para desenvolver un Polo industrial e tecnolóxico arredor dos vehículos non tripulados en Galicia.

A participación da Civil UAVs Initiative nesta feira enmárcase no plan de difusión e internacionalización da iniciativa, que ten por obxectivo xerar novas oportunidades de negocio aos axentes implicados na CUI e contribuír a posicionar Galicia como un polo de referencia internacional no segmento dos vehículos non tripulados para uso civil. Ademais, presentaráse a iniciativa no marco do World Drone Forum, un congreso que se celebra por primeira vez nesta edición e que reunirá a todos os axentes do sector para debater sobre o impulso ao seu desenvolvemento, tanto nos aspectos legais como tecnolóxicos e de mercado.

A feira Expodrónica está consolidada xa como a principal cita a nivel europeo no ámbito exclusivo dos drons civís. Este ano contará de novo coa presenza do líder mundial en fabricación de drons, a empresa china DJI; así como outros líderes mundiales en tecnoloxía aplicada ao sector como Parrot, Thales, Nokia ou Babcock e empresas españolas consolidadas como Aeromedia, Atyges, Tecnitop, Aerotools ou Cegadrone. A Xunta de Galicia será un dos 42 expositores que participarán nun espazo expositivo de máis de 4000 metros cadrados.

A participación galega na feira consistirá nun stand propio duns 100 metros cadrados dedicado á Civil UAVs Initiative e no patrocinio do World Drone Forum, un evento paralelo organizado por Expodrónica e Unvex co apoio tamén do Ministerio de Fomento. En total, a delegación da CUI estará formada por 22 persoas.

O primeiro World Drone Forum é un programa científico no que se tratarán, entre outros, temas relacionados coa seguridade, a investigación, os investidores, mobilidade aérea nas cidades, análise de datos ou sensorización. Nel, ademais de representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain), intervirán preto de 30 relatores, entre os que destacan responsables de DJI, directivos de Thales, Nokia, Amazon, IATA ou Airbus.

Tamén se celebrará no marco desta feira o primeiro Drone Hackaton, organizado coa colaboración de The Drone Valley International, que reunirá a expertos internacionais para enfrontarse a distintos retos do sector dos drons relacionados co Blockchain, o Internet das Cousas ou a Realidade Aumentada. Neste marco, startups e pemes terán oportunidade de manter reunións con investidores, posibles socios industriais e empresas. Ademais, a Axencia Espacial Europea (AESA) exporá a recente regulación europea para o voo de drons en Europa.