A Xunta promove a innovación no sector do moble a través da mellora da formación impartida aos futuros profesionais

2019-06-26
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inauguraron hoxe unha xornada sobre o programa FUTUREfacing
  • Presentáronse os resultados do proxecto europeo que ten como obxectivo transferir o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito dos revestimentos e acabados na industria do moble á formación dos futuros profesionais do sector e promover así a innovación no produto final

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inauguraron esta mañá o evento de presentación de resultados do proxecto europeo FUTUREfacing. O obxectivo desta iniciativa é transferir o coñecemento sobre acabados e revestimentos na industria do moble á formación que se impartirá aos futuros profesionais do sector coa finalidade última de facilitar a súa aprendizaxe e promover a innovación no produto final.

Patricia Argerey apuntou que desde o seu departamento son conscientes da importancia de promover o coñecemento científico e tecnolóxico axustado ás necesidades da industria e a súa transferencia para impulsar a competitividade do tecido produtivo a través da innovación. Neste senso, destacou a confluencia de intereses entre o programa Erasmus+ que persegue proporcionar aos sistemas educativos un ensino que dote ás persoas das capacidades necesarias para o mercado laboral coas necesidades identificadas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) de crear dinámicas sistemáticas de cooperación educación-empresa e de captar, formar e reter talento en Galicia.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa destacou a achega do CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) e do CIFP A Xunqueira (Pontevedra) “pola súa salientable achega aos resultados deste proxecto”. Así mesmo fixo fincapé na importancia da colaboración entre institucións educativas, empresas, axentes sociais e centros tecnolóxicos de innovación no éxito desta iniciativa. “Como proba diso cabe sinalar os seus resultados, que fomentan a innovación na formación do alumnado de FP e contribúen a dar resposta aos retos suxeridos pola industria 4.0”.

Neste marco, o proxecto FUTUREfacing, partindo da cooperación educación-empresa, promove a aprendizaxe baseada no traballo, a través da experiencia práctica e do desenvolvemento de talleres a cargo de empresas e expertos. Ademais, agrupa a axentes sociais, empresas, centros de FP, centros tecnolóxicos e de innovación co obxectivo de estimular a innovación e o espírito emprendedor entre a mocidade.

Ao longo da xornada de hoxe, que se celebra no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, presentáronse os principais resultados do proxecto que se materializan nun manual de acabados e revestimentos do moble, un recurso educativo aberto dispoñible libremente para a súa consulta online e destinado tanto ao profesorado e alumnado de FP como ao resto de axentes da cadea de valor da madeira (empresas, prescritores, consumidores…); un simulador virtual de vernizado, un produto desenvolvido polo CIS Tecnoloxía e Deseño parcialmente dispoñible (software libre e hardware limitado) destinado a optimizar as prácticas sobre aplicación de acabados, mellorando a aprendizaxe e reducindo o impacto ambiental; e unha base de datos de produtos, calidades e fabricantes de acabados e revestimentos do moble, dispoñible libremente para a súa consulta online e destinada tanto ao profesorado e alumnado de FP como ao resto de axentes da cadea de valor da madeira. Estes produtos estarán accesibles a través da web do proxecto e tamén se prevé unha ampla difusión dos mesmos.

Estes recursos para unha formación aberta e innovadora permitirán un maior coñecemento sobre produtos e aplicación de acabados e revestimentos do moble; unha maior especialización do profesorado que repercutirá nunha mellor aprendizaxe do alumnado; así como un maior respecto polo medio ambiente, ao empregar un simulador virtual de vernizado para as prácticas en lugar de produtos reais; e unha maior participación da muller no ámbito académico e laboral do sector da madeira.

Uns cambios que se agarda que se traduzan, unha vez incorporado o alumnado actual ao mercado laboral, en novas innovacións de produto no sector do moble; acceso a novos mercados; a mellora ambiental dos procesos de fabricación; e unha redución de emisións e residuos.

O proxecto

Os acabados e revestimentos son un elemento esencial no deseño e produción de mobles, xa que determinan tanto a estética como as características técnicas e funcionais. Nos últimos anos, evolucionaron incorporando novas tecnoloxías como a nanotecnoloxía, secado UV, propiedades antibacterianas así como incorporando pinturas e outros acabados naturais como ceras e aceites.

O proxecto Erasmus+ FUTUREfacing Furniture Finishing and Coatings: from traditional manufacturing to Industry 4.0 nace da necesidade de transferir este desenvolvemento tecnolóxico das empresas que producen acabados e revestimentos para a aula, a fin de facilitar a aprendizaxe e promover a innovación no produto final.

No proxecto participa Gain, como líder, a través do CIS Tecnoloxía e Deseño; a Axencia Galega da Industria Forestal da Consellería de Economía, Empleo e Industria a través do CIS Madeira; a British Coatings Federation: as empresas FINSA e a italiana ILVA; a Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación y Ordenación Universitaria e a Rakvere Ametikool (Estonia).