A Xunta celebra o segundo Encontro do Deseño galego no que se porá o foco na innovación centrada nas persoas

2019-06-24
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria reunirá o venres 28 de xuño a profesionais do deseño, empresas, entidades de innovación e estudantes no CIS Tecnoloxía e Deseño, en Ferrol
  • Os asistentes coñecerán de primeira man as novidades do Programa de Deseño para a Innovación 2020 e poderán visitar a Materioteca de Galicia
  • O evento contará coas intervencións de deseñadores galegos referentes neste sector a nivel internacional, como Iván Mato, Coca Rivas, Isaac Piñeiro, Manuel Vázquez e Nuria Carballo
  • A multinacional Nationale Netherlanden e a peme galega María Martínez Otero exporán as súas experiencias de éxito co deseño como ferramenta de innovación e competitividade empresarial

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2019.- A Xunta consolida a celebración do Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial coa organización da segunda edición o vindeiro venres 28 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño, en Ferrol, que porá o foco na innovación centrada nas persoas. Logo do éxito acadado no primeiro encontro, celebrado en 2018, búscase seguir abrindo canles de contacto e colaboración entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, especialmente as pemes.

O evento, que terá lugar na véspera do Día Mundial do Deseño Industrial, permitirá coñecer as últimas tendencias de deseño a nivel internacional a través de profesionais galegos que son referentes no sector: Iván Mato, director creativo de Jones Knowles Ritchie e ex director creativo de Nokia; Coca Rivas, experta en deseño de servizos que traballa para o sector público do Reino Unido; Isaac Piñeiro, cofundador de Nadadora e fundador de Isaac Piñeiro Design Studio; Manuel Vázquez, consultor de deseño estratéxico e innovación para empresas como BBVA, Orange, Media Markt e Repsol; e Nuria Carballo, fundadora de Unconventional London e con proxectos para marcas como Timberland, Chanel, Evian ou Heineken.

A xornada completarase coa experiencia de dúas empresas na incorporación do deseño á súa estratexia de negocio: a multinacional Nationale-Netherlanden, da man do seu director de innovación, e a peme galega María Martínez Otero, a través da visión do seu director de obra civil.

Novas accións

Durante o encontro, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, fará balance do primeiro ano de traxectoria do Programa de Deseño para a Innovación 2020 e presentará as novas accións que a Xunta de Galicia está a promover para impulsar o deseño galego como ferramenta competitiva nas empresas, especialmente nas pemes.

Entre estas novidades figura a publicación ‘O deseño como motor. Casos de éxito’, que será presentada durante o encontro, e a Materioteca de Galicia, que acaba de ser inaugurada no CIS Tecnoloxía e Deseño e que os participantes na xornada poderán visitar. A ela súmanse un catálogo online de profesionais do deseño galego e unha iniciativa para difundir documentación en imaxes sobre a historia do deseño industrial en Galicia.

No encontro daranse cita deseñadoras e deseñadores galegos de todas as disciplinas (gráfico e comunicación visual, de produto e industrial, audiovisual e multimedia, espazos, moda e estratéxico), estudantes desta especialidade e representantes de empresas e doutras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación e competitividade nas súas organizacións.

O Programa de Deseño para a Innovación 2020 é a iniciativa coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), para abrir canles de contacto produtivas entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, difundir casos de éxito e boas prácticas e impulsar o deseño como factor de competitividade para o tecido industrial de Galicia. Esta iniciativa está aliñada cos obxectivos dos dous proxectos europeos deste ámbito nos que participa GAIN: o Design4Innovation e o User-Factor, iniciativas de Interreg Europe e Interreg Atlantic Area orientadas a crear estratexias rexionais de deseño e garantir a súa implantación nas pemes.

Os interesados poden atopar o programa e inscrición na seguinte páxina web: http://gain.xunta.gal/eventos/272/ii+encontro+deseno+innovacion+empresarial.