Conde destaca que a BFAero contribuirá a crear e consolidar un tecido empresarial e industrial sólido en torno ao polo aeroespacial de Galicia

2019-05-24
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Lugo no acto de benvida dos proxectos que, desde hoxe, participan na primeira aceleradora aeronáutica de Galicia
  • As iniciativas accederán a financiamento, plans de formación, acompañamento de mentores, asesoramento técnico e poderán utilizar as instalacións do aeródromo de Rozas

Lugo, 24 de maio de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá na xornada de benvida da BFAero, acto que marca a posta en marcha da primeira aceleradora aeronáutica de Galicia coa participación de cinco proxectos. Conde subliñou que esta nova iniciativa de emprendemento innovador contribuirá a crear e consolidar un tecido empresarial e industrial sólido en torno ao polo aeroespacial de Galicia.

A BFAero é unha iniciativa de innovación aberta promovida desde a Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria que conta coa colaboración de Indra, Babcock, pequenas e medianas empresas do sector, as universidades galegas e entidades como o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Consorcio Aeronáutico de Galicia e a Fundación CEL, que se encargará da xestión operativa.

Enmarcada na aposta de Galicia polo sector aeronáutico e, en concreto, no impulso ao polo aeroespacial da Comunidade, a iniciativa pretende seleccionar, incubar e acelerar novas empresas que acheguen solucións innovadoras a esta industria e, en concreto, á dos vehículos aéreos non tripulados, atraendo e retendo, deste xeito, talento de primeiro nivel a este sector. O obxectivo é facer de Galicia un referente nesta industria, xa que tal e como sinalou o conselleiro, a Comunidade ten unha grande oportunidade para crecer e diferenciarse grazas ao desenvolvemento deste sector.

As empresas seleccionadas accederán, a partir de hoxe, a financiamento, plans de formación adaptados, acompañamento de mentores, servizo de asesoramento técnico e poderán utilizar as instalacións do aeródromo de Rozas. Está prevista a realización doutras dúas convocatorias máis ata 2021 dando soporte a un total de 19 empresas.

Proxectos

A iniciativa recibiu 54 solicitudes das que finalmente cinco participarán nela. Trátase do proxecto de Aeromedia que pretende desenvolver un UAV para realizar fotografías das tres palas dun eólico polo anverso e reverso sen necesidade de parada; unha iniciativa de propulsión con células de combustible de hidróxeno como alternativa ás baterías en UAVs de ata 25Kg que realizará H2 Dron Energy Galicia; a Universidade de Vigo que traballará no desenvolvemento de sistemas para tarefas de inspección non destrutiva detección e identificación con sensórica activa e pasiva; Lupeon ten por obxectivo reducir o peso dos UAVs para conseguir maior autonomía de voo; e a iniciativa de UAV Works Group para desenvolver unha aeronave convertible.