Máis de 150 investigadores noveis participan na feira Galiciencia que se desenvolve ata o venres na Tecnópole

2019-05-08

San Cibrao das Viñas (Ourense), 8 de maio de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu á xornada inaugural da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, que se desenvolverá ata o 10 de maio no recinto de Tecnópole, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, na que se expoñen un total de 79 proxectos científicos e de innovación. Díaz Mouteira subliñou a importante contribución deste evento para “cultivar entre os escolares a creatividade e a orixinalidade” contribuíndo a espertar vocacións científicas e emprendedoras.

Coa saúde e os bos hábitos como tema principal, durante estes días pasarán pola décimo cuarta edición de Galiciencia máis de 150 investigadores noveis procedentes de 43 centros educativos, a maior parte deles de Galicia pero tamén hai representación de Asturias, Andalucía e Cataluña. A feira conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt).