A Xunta avalía con Atiga novas iniciativas para seguir avanzando no impulso dos centros tecnolóxicos galegos

2019-05-06
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe con representantes desta entidade integrada por Aimen, Gradiant, CTAG, ITG, Anfaco-Cecopesca e EnergyLab
  • Traslada a necesidade de promover un maior aliñamento destes centros coas necesidades do tecido industrial e conseguir, así, unha maior transferencia e retornos dos resultados da I+D+i

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avaliou hoxe en Santiago de Compostela novas iniciativas con Atiga para seguir avanzando no impulso dos centros tecnolóxicos galegos.

Atiga conta con seis (Aimen, Gradiant, Anfaco-Cecopesca, CTAG, ITG e EnergyLab) dos nove centros tecnolóxicos recoñecidos en Galicia a nivel estatal. Por iso, na reunión tratouse a necesidade de alcanzar un maior aliñamento destes coas necesidades do tecido industrial para que a innovación e o coñecemento cheguen ás empresas galegas mellorando a súa competitividade. Neste sentido, tamén se incidiu na importancia de fomentar unha maior transferencia e retorno dos resultados da I+D+i, así como incrementar a súa internacionalización.

Conde subliñou o importante papel que os centros de Atiga están a ter no cambio de modelo produtivo que está atravesando o tecido industrial galego e trasladou o compromiso da Xunta para seguir colaborando no obxectivo de facer de Galicia un referente da Industria 4.0. Nesta liña de traballo destaca a participación activa que terán os centros tecnolóxicos nos dous primeiros Hubs de innovación dixital de Galicia, un modelo de colaboración pioneiro que permitirá ás pemes acceder a novos servizos, co obxectivo de facilitar a súa competitividade a través da dixitalización.

En concreto, a Xunta impulsa os proxectos liderados polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que funcionarán como unha xanela única na que conflúen todos os recursos que os centros de coñecemento ofertan ao tecido empresarial. Coa creación destes dous polos de innovación, Galicia avanzará en tecnoloxías como a internet das cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada, a minaría de datos e o big data, a ciberseguridade ou a computación na nube.