A Xunta achega ás empresas innovadoras galegas as vantaxes de traballar coa Adminstración en servizos e produtos de I+D

2019-04-26
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou a xornada ‘Solucións innovadoras orientadas á demanda pública’ onde se presentou o novo programa de Compra Pública Precomercial do CDTI e na que defendeu a aposta pola Compra Pública Innovadora
  • Galicia é un referente nesta modalidade de contratación onde o Polo aeroespacial de Rozas é un exemplo

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou na xornada Solucións innovadoras orientadas á demanda pública, celebrada esta semana en Santiago de Compostela e que tivo por obxectivo achegar ás empresas innovadoras implantadas en Galicia as vantaxes da Compra Pública Precomercial a través dun taller formativo e da presentación do programa neste eido do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), que destinará 9M€ ás entidades galegas.

Na súa intervención, Argerey destacou o compromiso do Goberno galego coa Compra Pública Innovadora, un instrumento útil para impulsar a innovación desde a Administración que exerce un papel tractor desde a demanda dado o volume total da contratación pública. A directora defendeu a necesaria aposta pola Compra Pública Precomercial (CPP), unha modalidade de contratación que permite á Administración adquirir solucións e produtos de I+D que poden derivar en prototipos que cubran as necesidades do sector público, e na que comparte riscos coas empresas e axentes que os desenvolven.

Argerey subliñou que Galicia é un referente na aplicación destes instrumentos que permiten, entre outras cuestións, mellorar a prestación dos servizos á cidadanía e aforrar en gasto público. Puxo como exemplo o traballo que se está a desenvolver no Polo aeroespacial de Galicia, cuxo programa de I+D emprega a fórmula da Compra Pública Precomercial nos proxectos que se están desenvolvendo con Indra, Babcock e Boeing.

A directora animou ás empresas participantes na xornada a presentar proxectos ao CDTI capaces de xerar demanda por parte da Administración a través da CPP xa que, asegurou, esta modalidade permítelles contar cun primeiro cliente de referencia, lanzar tecnoloxías disruptivas, compartir riscos e beneficios, desenvolver tecnoloxía á carta, xerar alta cualificación profesional e producir un efecto tractor sobre o tecido produtivo local.

Pola súa banda, o CDTI deu a coñecer os detalles da convocatoria que publicará proximamente e na que as empresas galegas poderán presentar proxectos de Compra Pública Precomercial.