A Xunta pon en valor as capacidades do sistema galego de innovación e o labor que desenvolven os centros tecnolóxicos

2019-04-10
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu hoxe no Porriño á sinatura do acordo de colaboración entre a multinacional Coherent e o centro tecnolóxico Aimen para ofrecer novas solucións láser aos retos da industria do sur de Europa
  • Argerey destacou “o papel crucial” que desempeñan os centros tecnolóxicos galegos na transferencia de coñecemento ao mercado

O Porriño (Pontevedra), 10 de abril de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu esta mañá á sinatura do acordo de colaboración entre a multinacional Coherent, líder mundial en tecnoloxía láser industrial, con sede en Silicon Valley, e o centro tecnolóxico Aimen para ofrecer á industria do sur de Europa a posibilidade de testar procesos novos baseados en tecnoloxía láser nas instalacións do centro de aplicacións láser que Aimen ten no Porriño.

En palabras da directora de Gain, este acordo permite poñer en valor “as capacidades que posúe o noso sistema galego de innovación e, particularmente, os nosos centros tecnolóxicos, que desempeñan unha función crucial na transferencia de tecnoloxía ao mercado”.

Argerey, que tamén coñeceu o novo equipamento instalado no centro de aplicacións láser de Aimen, destacou que a Xunta apoia dun xeito integral o ecosistema de I+D+i galego co obxectivo de que se realice unha innovación disruptiva e punteira, que contribúa a mellorar a competitividade do tecido produtivo, por exemplo a través de instrumentos como as unidades mixtas de investigación que favorecen que as multinacionais desenvolvan a súa I+D+i en Galicia en colaboración cos centros de coñecemento. Argerey, ademais, desexou que este acordo resulte frutífero para ambas partes e animou á compañía a que identifique futuras colaboracións en Galicia.

O novo equipamento láser caracterízase por incorporar unha nova xeración de sensores para detectar emisións de luz a través de dita fibra e monitorizar os procesos que leven a cabo.

O centro tecnolóxico Aimen constitúe na actualidade un referente nacional en I+D+i e na prestación de servizos tecnolóxicos. O seu centro de aplicacións láser, inaugurado en 2014, traballa no procesado de materiais con tecnoloxía láser e é actualmente o maior de España na súa categoría, tanto por persoal investigador como por investimento.