A Xunta destaca en Madrid o alto impacto da I+D+i no sector aeroespacial galego

2019-04-04
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentou nunha xornada da asociación “Ellas vuelan alto” a Civil UAVs Initiative e a aceleradora BFAero
  • Sinala que esta iniciativa busca atraer investimentos cara á Comunidade, desenvolver a industria de sistemas e vehículos non tripulados e mellorar a prestación dos servizos públicos

Madrid, 4 de abril de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta tarde en Madrid nunha xornada sobre a innovación no sector aeroespacial organizada pola asociación Ellas vuelan alto, de mulleres expertas e de referencia no sector aeroespacial. Na súa intervención, Argerey deu a coñecer a Civil UAVs Initiative, nunha mesa redonda na que participaron altas directivas de diferentes empresas do sector.

A directora de Gain presentou o polo aeroespacial de Galicia como unha iniciativa estratéxica pioneira en Europa e sinalou que persegue un triple obxectivo: atraer investimentos deste sector cara Galicia; desenvolver a industria de sistemas e de vehículos non tripulados (UAV) e mellorar a prestación de servizos públicos no ámbito civil, dando resposta a unha serie de retos do sector público dende as capacidades de coñecemento. Argerey destacou a importancia da implicación de axentes tanto públicos como privados nesta iniciativa: Administración (Xunta de Galicia, Ministerio de Defensa e Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades); o tecido empresarial (empresas tractoras como Indra, Babcock e Boeing e pemes de alta tecnoloxía); e centros de coñecemento (universidades, centros tecnolóxicos e centros de investigación).

Patricia Argerey subliñou tamén o alto impacto da I+D+i neste sector que se traduce en termos de ingresos, emprego cualificado, produtos innovadores, innovacións de procesos, desenvolvemento de tecnoloxía avanzada, capacidade de internacionalización e transferencia a outros sectores. Tamén destacou o importante efecto tractor e sobre o ecosistema de innovación das empresas e organizacións implicadas na iniciativa —que no marco do Polo aeroespacial de Galicia implica a máis de 50 axentes- e a interacción entre o coñecemento e a industria.

Por último, Argerey subliñou que outro factor clave é o talento, “é fundamental potenciar, reter e atraer talento” —apuntou-. Neste senso, presentou a incubadora-aceleradora especializada no sector aeronáutico, BFAero, posta en marcha en Galicia e que vén de pechar a primeira convocatoria cunha alta participación. A BFAero contempla dous itinerarios: un de incubación para atraer proxectos emprendedores do sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados e, de aceleración, para pemes do sector que precisen sistematizar e consolidar o seu modelo de negocio.