A aceleradora Agrobiotech busca pemes dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e biomasa para impulsar o seu crecemento

2019-03-24
  • A Xunta e Tecnópole organizan este programa en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e o CIS Madeira

San Cibrao das Viñas (Ourense), 24 de marzo de 2019.- O vindeiro mércores, 27 de marzo, pecha o prazo para presentar solicitudes de participación na terceira edición da aceleradora Agrobiotech, organizada pola Xunta e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e o CIS Madeira.

O obxectivo deste programa, que se inscribe na plataforma StartIN Galicia, é fortalecer as pemes innovadoras de tres sectores estratéxicos para a economía galega: o agroalimentario, o biotecnolóxico e a biomasa. A diferenza doutros programas máis enfocados a apoiar o emprendemento, Agrobiotech pretende contribuír á consolidación e ao impulso de modelos de negocio de éxito xa demostrado, a través de servizos de asesoramento especializado para fortalecer a excelencia operativa, o liderado de produto, a comercialización e a internacionalización ou a captación de financiamento público e privado.

Entre as vantaxes deste programa, e desta edición en concreto, destacan a axilización do programa a nivel administrativo, a concreción dos servizos ofertados, a especialización en tres sectores estratéxicos e a eficiencia en canto á medición dos resultados para as empresas participantes.