Santiago acolle unha xornada dos socios do proxecto europeo User-Factor de impulso ao deseño e a innovación nas pemes

2019-03-12
  • A iniciativa celébrase mañá e o mércores e reunirá aos participantes neste programa, entre os que está a Axencia Galega de Innovación (Gain)
  • Farase un seguimento dos principais retos e tarefas do proxecto que se atopa na actualidade na fase de definición das accións piloto de apoio ao deseño
  • O proxecto piloto, no caso de Galicia, ten como obxectivo achegar a 25 pemes galegas ferramentas de deseño centradas no usuario para que consigan adaptarse da forma máis áxil posible ás necesidades que demandan os clientes
  • Esta actuación enmárcase no proxecto Interreg Atlantic Area User-Factor dirixido a fortalecer a innovación en pemes, apoiándoas no uso do deseño como unha ferramenta para a innovación enfocada ao usuario

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2019.- Santiago acolle mañá e o mércores unha xornada dirixida aos socios do proxecto europeo User-Factor, financiado polo programa Interreg Atlantic Area e liderado pola PDR-Cardiff Metropolitan University, unha institución británica dedicada ao deseño e a innovación, que está orientado á creación de estratexias rexionais de deseño e a garantir a súa implantación nas pemes.

A Axencia Galega de Innovación (Gain) participa como socio, ademais, de Scottish Enterprise; Enterprise Ireland; Sociedade Porguesa de Innovaçao CEFI; Chambre de Commerce et d´Industrie de Region Bretagne; Departament of Finance Northern Ireland; e a Asociación de Empresas Tecnológicas Innovalia. Este proxecto iniciouse en febreiro de 2018, e rematará en xaneiro de 2021.

O programa da xornada para mañá inclúe unha reunión dos socios na sede da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo na que na que se fará un seguimento das principais tarefas do proxecto. Ademais, visitarase o taller de xoiaría Noroeste Obradoiro co obxectivo de coñecer unha iniciativa novidosa no campo da artesanía. A xornada trasladarase o mércores á Cidade da Cultura, onde se presentarán os plans de implementación das accións piloto de apoio ao deseño nas empresas que cada socio terá que levar a cabo e achegar e avaliar as accións de apoio ao deseño definidas no marco do proxecto.

O obxectivo do proxecto User-Factor é fortalecer a innovación nas pemes apoiándoas no uso do deseño como unha ferramenta para a innovación, a través dun intercambio de experiencias e do desenvolvemento dunha serie de programas pilotos de apoio ao uso de deseño en pemes. No caso galego, o proxecto piloto ten como obxectivo achegar a 25 pemes galegas ferramentas de deseño centrado no usuario para que consigan adaptarse da forma máis áxil posible ao novo contexto e ás necesidades que demandan os seus clientes.

Este proceso atópase na actualidade na fase de definición da iniciativa e, posteriormente, abrirase un prazo de promoción e captación de empresas interesadas en implementar o piloto de apoio ao deseño. A Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración con asesores externos especializados en deseño de produto e servizos, realizará unha diagnose inicial destas empresas e traballará con elas na definición dun plan de mellora ou na realización dunha planificación dun proxecto concreto, usando unha metodoloxía de pensamento creativo (design thinking).

A participación de Gain neste proxecto, así como no plan europeo Design for Innovation, inscríbese na aposta polo deseño como un factor estratéxico que contribúe á competitividade e ao crecemento económico. O programa autonómico Deseño para a Innovación 2020 persegue, de feito, fomentar a incorporación e a sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación e competitividade a nivel global, con especial atención ás pemes. Este programa responde á estratexia europea de fomentar o deseño como factor de innovación.