A Xunta premiará aos empregados públicos comprometidos coa innovación na prestación de servizos á cidadanía

2019-02-17
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria pon en marcha un novo certame co obxectivo de incentivar os traballadores da Administración autonómica que participan de forma activa nos diferentes procesos da innovación
  • Trátase dunha das actuacións recollidas no Programa Innpulsa CPI, co que se busca consolidar Galicia como un referente na compra pública innovadora (CPI), un instrumento a través do cal se contratan novas solucións e produtos
  • No período financeiro 2014-2020 Galicia está xa a executar fondos en CPI por 100 millóns de euros

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2019.- A Xunta pon en marcha o primeiro Premio aos empregados públicos innovadores, co obxectivo de recoñecer o compromiso das persoas que fan posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora, capaz de mellorar a prestación dos seus servizos cunha maior cobertura e equidade.

A iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), é unha das actuacións específicas recollidas no Programa integral de impulso da Compra Pública de Innovación (Programa Innpulsa CPI), co que se busca consolidar Galicia como un referente neste instrumento que fomenta a innovación a través da contratación por parte da Administración de novas solucións e produtos.

Co convencemento de que son as persoas as que constrúen a innovación nas organizacións, esta iniciativa xorde co obxectivo de motivar, sensibilizar e incentivar aos empregados públicos que participan de forma activa nos diferentes procesos da innovación.

Poden postularse a estes recoñecementos todos os empregados públicos da Xunta de Galicia e os seus entes instrumentais, tanto de xeito individual como en grupos de dúas a cinco persoas. Segundo a convocatoria, establécense dúas categorías. Na categoría de identificación de oportunidades, onde se deberá detallar e definir unha problemática, así como o interese que tería a resolución da mesma, o gañador conseguirá un asesoramento personalizado no que se identificarán fontes de financiamento a nivel europeo e nacional, e se elaborará o material necesario para a solicitude de financiamento.

Por outra banda, na categoría de proxectos innovadores, na que se recoñecen iniciativas xa realizadas ou en curso, existen dúas subcategorías: a temática máis innovadora e a mellor actitude innovadora. Para ambos os dous aspectos recoñecidos, poderán optar a gañar unha visita a un laboratorio de innovación internacional. Tamén poderán participar nun curso personalizado en innovación.

Con este certame, que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e cuxa información se poderá consultar na web de Gain, foméntase a compra pública innovadora (CPI), unha ferramenta na que a Xunta é pioneira na súa utilización e que permite a mellora dos servizos que se prestan á cidadanía ao tempo que se estimula a competitividade empresarial.

No último período financeiro (2007-2013), Galicia executou preto do 40% (112 millóns de euros) de toda a CPI que se contratou en España (293 millóns de euros). No período 2014-2020 a Comunidade está xa a executar fondos en CPI por 100 millóns de euros, con iniciativas como distintos proxectos enmarcados na Civil UAVs Initiative, en torno á cal se desenvolve o polo aeroespacial de Galicia; o programa Código 100 do Sergas, un plan de innovación centrado no envellecemento activo; ou Empattics, da Axencia de Coñecemento en Saúde, que utiliza as novas tecnoloxías para incrementar a adherencia aos tratamentos e facilitar a xestión e o autocoidado dos pacientes.