A Xunta presenta o polo aeroespacial de Galicia ante expertos nacionais e internacionais no Foro Transfiere de Málaga

2019-02-13
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, apunta que só existen outros tres iniciativas similares a nivel internacional e ningunha delas en Europa
  • Argerey participou nunha mesa redonda xunto con representantes de Indra, Babcock e Boeing, na que se afondou no desenvolvemento de produtos e servizos “certificables” e no impacto da iniciativa no desenvolvemento tecnolóxico e industrial do tecido empresarial galego, que involucra xa a máis de 50 axentes
  • A Xunta conta cun stand propio no evento no que se achega información sobre a Business Factory Aero, que ten aberto o prazo de solicitude ata o 28 de febreiro

Málaga, 13 de febreiro de 2019.- A Xunta está a presentar o polo aeroespacial de Galicia no 8º Foro Transfiere, o principal foro profesional e multisectorial para a transferencia de coñecemento e tecnoloxía que se está a celebrar en Málaga os días 13 e 14 de febreiro. Así, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta tarde unha mesa redonda dedicada á Civil UAVs Iniatiative, xunto co director de vehículos aéreos de Indra, Francisco Javier Barcala; o director de I+D de Babcock, José Luis Saiz, e o director de estratexia de Boeing I+D Europa, Eduardo Carrillo.

Patricia Argerey presentou o polo aeroespacial de Galicia como unha “iniciativa estratéxica que nos está permitindo, como rexión, gañar competitividade e crecemento económico e xerar capacidades industriais e sinerxías co coñecemento que aportan os nosos centros de coñecemento e empresas”. De feito, este proxecto está a mobilizar 164 millóns de euros de fondos público-privados, hai xa máis de 50 axentes traballando nel con contratos, entre empresas e centros de coñecemento (incluídas as tres universidades galegas) e está previsto que traballen nel case 500 persoas ata 2020. Argerey destacou que só existen outras tres iniciativas deste calado a nivel internacional, en Estados Unidos e Canadá, ningunha similar en Europa.

O debate centrouse tamén no efecto tractor que está a producir a participación de actores como as multinacionais Indra, Babcock e Boeing no ecosistema galego de innovación, a través das subcontratacións de axentes galegos e da transferencia de coñecemento e talento galego ao mercado. Por outro lado, subliñouse a visión a medio e longo prazo de abordar desenvolvementos tecnolóxicos que permitan xerar produtos e servizos baseados en vehículos non tripulados que poidan facer uso do espazo aéreo do xeito máis amplo posible e que sexan certificables con criterios equivalentes aos que se empregan para as aeronaves tripuladas.

Indra presentou as vantaxes dos dous vehículos desenvoltos no marco da iniciativa, o Targus, vehículo opcionalmente tripulado que propón unha solución de baixo custo para misións de vixilancia, e o primeiro USV marítimo, opcionalmente tripulado para tarefas de vixilancia de pesquerías, medioambiental e protección de portos, bote auxiliar para buques da frota, loita contraincendios, instalacións offshore, etc.

Babcock, pola súa parte, explicou a aposta da compañía por situar en Galicia as súas capacidades en tecnoloxías en vehículos non tripulados, presentou o seu helicóptero non tripulado de 25kg, o LUA, así como os sistemas expertos desenvoltos centrados en áreas como emerxencias ante incendios forestais, vixilancia marítima e ordenación do territorio e os seus recursos naturais. Por último, Boeing presentou a súa solución para a integración de aeronaves autónomas en espazos aéreos compartidos, que vén de gañar a licitación da Xunta, e que representa un gran reto de futuro para que o sector despregue todo o seu potencial.

Participación no Foro

O obxectivo da participación galega no Foro Transfiere é contribuír á difusión nacional e internacional da iniciativa, así como apoiar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía dos produtos e resultados tecnolóxicos desenvoltos no seu marco. A Xunta conta cun stand propio na zona expositiva centrado na Civil UAVs Initiative, no que informa sobre a iniciativa con especial énfase na convocatoria aberta da incubadora-aceleradora Business Factory Aero, que ten aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 28 de febreiro para captar proxectos de emprendemento e empresas de nova creación vencelladas ao sector aeroespacial.

Xunto á Administración autonómica, asisten ao foro outros axentes implicados na iniciativa como as multinacionais Boeing, Indra e Babcock, os centros tecnolóxicos Aimen, Gradiant e Cesga, a Universidade de Santiago de Compostela e as empresas SRM-Consulting, Seadrone e Aeromedia.

Ademais, outros axentes do ecosistema galego de innovación (como a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia, a Universidade da Coruña, o clúster BIOGA e o Instituto de Matemática Industrial) participan tamén en oito mesas de networking para manter reunións bilaterais con outras entidades asistentes ao foro, vencelladas ao sector aeronáutico/aeroespacial, administracións públicas, industria, TIC, enerxía e agrupacións empresariais innovadoras.