Cinco proxectos impulsados a través da rede galega de aceleradoras buscan investidores na Lacon Network

2019-02-07
  • Este evento, que se celebra na Coruña, reúne as principais aceleradoras galegas co obxectivo de buscar investidores
  • A través da rede galega de aceleradoras lévanse apoiado máis de 900 proxectos nos últimos cinco anos
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria creou a plataforma StartIN Galicia na que agrupa todos os seus apoios a startups e emprendedores

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou esta tarde o demoday dedicado a proxectos apoiados pola rede galega de aceleradoras no marco do evento Lacon Network, un foro no que se reúnen as principais aceleradoras de Galicia co obxectivo de buscar investidores para os seus proxectos.

Patricia Argerey subliñou que a Xunta está fortemente comprometida co apoio ao emprendemento innovador e coa captación e retención de talento en Galicia e, mostra delo, é a recentemente anunciada plataforma StartIN Galicia, unha iniciativa que agrupa todos os apoios que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das startups para o seu establecemento na Comunidade e o fomento do seu fortalecemento e competitividade internacional.

Esta iniciativa reforza a rede galega de aceleradoras que, desde a súa posta en marcha en 2014, ten apoiado máis de 900 proxectos. A Xunta, a través do Igape, XesGalicia, Amtega e Gain, leva colaborado ao longo destes anos con diferentes programas de aceleración, impulsados por entidades públicas e privadas, de carácter vertical ou transversal, que ofrece un completo ecosistema de apoio á aceleración e consolidación das iniciativas empresariais de carácter innovador en Galicia.

Ademais da rede de aceleradoras, Argerey destacou outro tipo de apoios que a Xunta ofrece aos emprendedores e cubren todas as etapas do proceso innovador: desde fondos de capital risco e instrumentos financeiros a outro tipo de axudas para a realización de proxectos de I+D+i e a contratación de persoal para tarefas neste ámbito. Para finalizar, convidou aos investidores a participar nesta rede co obxectivo de converter Galicia nun territorio de referencia para idear, crear, acelerar e consolidar iniciativas emprendedoras capaces de xerar emprego e valor engadido para a sociedade galega e a competitividade da nosa economía.

Proxectos acelerados

A continuación expuxéronse varios proxectos que participaron en aceleradoras como ViaGalicia, Connecting for Good Galicia, Business Factory Auto ou Conector Galicia, enmarcadas na Rede Galega de Aceleradoras.

Os proxectos presentados foron: Insulclock, que desenvolveu un dispositivo electrónico que se acopla á pluma da insulina e almacena información relativa á súa administración nunha app, mellorando así a calidade de vida das personas con diabetes tratadas con insulina; Sense(z), un proxecto biotecnológico, que presenta un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros tanto fisiolóxicos como alimentarios mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos a inxerir; Tidyand cloud utilitis, que, baixo o modelo de Cloud Computing SaaS, ofrece un software de xestión venta-postventa, para empresas con SAT; Appentra Solutions SL, compañía de software global de Deep Tech que facilita a programación en paralelo, permitindo a todos facer o mellor uso do hardware de computación en paralelo; e, por último, Fittingpup, unha plataforma de saúde e benestar para mascotas enfocada ao veterinario, aos donos de mascotas e á industria.