A Xunta presenta en Madrid a nova aceleradora aeronáutica para atraer a Galicia proxectos de emprendemento innovador neste sector

2019-02-05
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destaca que as iniciativas apoiadas contarán co investimento máis cuantioso de toda Europa
  • A Business Factory Aero, impulsada pola Xunta, as empresas Indra e Babcock, o CTAG, a Fundación CEL e o Consorcio Aeronáutico Galego, desenvólvese no marco do polo aeroespacial de Galicia

Madrid, 5 de febreiro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta tarde o na presentación en Madrid da primeira convocatoria da Business Factory Aero (BFAero), a incubadora e aceleradora de innovación especializada no sector aeronáutico promovida pola Xunta no marco do polo aeroespacial de Galicia. O acto de presentación, celebrado na Escola de Enxeñería Aeronáutica da Universidade Politécnica, participaron estudantes, emprendedores e empresarios, e incluíu unha mesa redonda arredor do emprendemento no sector aeronáutico na que participaron representantes do Igape; de Indra, CTAG e Fundación CEL.

Na súa intervención, Patricia Argerey destacou que, con esta iniciativa, búscase completar a cadea de valor do sector en Galicia, para gañar tamaño e continuar posicionándose no escenario internacional e animou aos asistentes —alumnado, emprendedores e empresas- a presentar os seus proxectos a esta convocatoria.

Polo aeronáutico de Galicia e rede de aceleradoras

Argerey explicou que a Civil UAVS Initiative, na que se están a mobilizar 164 millóns de investimento público-privado, é o proxecto máis ambicioso de Compra Pública Innovadora posto en marcha en Galicia e que só existen outras tres actuacións similares no ámbito internacional, ningunha delas en Europa.

En concreto, a aceleradora BFAero inscríbese no programa de emprendemento innovador do polo, que ten por obxectivo fortalecer o apoio ao talento emprendedor impulsando a creación de empresas nun sector de alto valor engadido estratéxico para a Comunidade; baseado no coñecemento e aliñado coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Dentro deste programa está prevista tamén a creación dun Centro de Emprendemento en Lugo dedicado integramente ao sector aeroespacial, futura sé da Business Factory Aero.

Así mesmo, vén sumarse ao resto de iniciativas de aceleración vertical e innovación aberta que forman parte da iniciativa StartIN Galicia, a rede de aceleradoras que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das startups para o seu establecemento en Galicia e o fomento do seu fortalecemento e competitividade internacional.

A Aceleradora Businnes Factory Aero

Argerey situou a BFAero na vangarda das iniciativas deste tipo, por prever o investimento máis cuantioso por proxecto de Europa. A aceleradora Business Factory Aero está promovida pola Xunta de Galicia, a través do Igape, Gain e Xesgalicia, polas empresas Indra e Babcock e o centro tecnolóxico de automoción CTAG, xestionada pola Fundación CEL e apoiada por diferentes entidades colaboradoras representadas polo Consorcio Aeronáutico Galego.

A BFAero, que ten aberto o prazo de solicitude ata o 28 de febreiro, inclúe dous itinerarios: un de incubación e outro de aceleración, para os que se dispón de tres prazas en cada un. A convocatoria está dirixida a todo o ecosistema de innovación a nivel internacional (universidades, centros tecnolóxicos, empresas e emprendedores) e está dotada cun orzamento público-privado de 4,75 millóns de euros, coa previsión de apoiar 19 proxectos e empresas que xeren máis de 60 empregos directos en Galicia.

O apoio incluirá financiamento a fondo perdido, ata 100.000 euros para incubación e de 50.000 euros para aceleración; así como opción a financiamento adicional a través de préstamos de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración e préstamos participativos de ata 250.000 euros en aceleración. Ademais de financiamento, BFAero ofrece acceso a infraestruturas especializadas, asesoramento individualizado con mentores profesionais activos do sector, asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional.