A Unidade Mixta de Navantia e a UDC permitirá optimizar os procesos produtivos avanzando cara o estaleiro 4.0

2019-02-04
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou na presentación da fase de consolidación desta iniciativa, na que se invisten preto de 5 millóns de euros cun apoio da Xunta do 30%
  • O principal obxectivo é industrializar os logros acadados na etapa anterior, que ten permitido, entre outros avances, a redución do volume de cables nos buques e o emprego de vehículos aéreos non tripulados para a inspección de buques
  • O proxecto enmárcase no Unidades Mixtas de Investigación, que permitiu a creación ou consolidación de 39 alianzas entre empresas e centros de coñecemento desde 2013

Ferrol, 4 de febreiro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación da fase de consolidación da Unidade Mixta Estaleiro do futuro, na que colaboran Navantia e a Universidade da Coruña. Nesta nova etapa, a iniciativa dará continuidade á maioría das liñas de investigación e proxectos abordados na fase de creación e incorporará novas liñas, co reto de afondar na industrialización dos logros acadados.

Despois do éxito acadado na etapa anterior na que se desenvolveron cinco liñas de investigación e quince actuacións ou proxectos concretos co fin de acometer os retos tecnolóxicos e industriais do novo programa de fragatas F-110, os obxectivos concretos desta etapa son: a transformación dixital do estaleiro, a optimización de todos os procesos produtivos, o desenvolvemento dunha nova planta e a introdución de tecnoloxías disprutivas. Na súa intervención, Patricia Argerey destacou dous exemplos dos fitos acadados pola Unidade: o demostrador do Sistema de Servizos Integrados ou “Buque sen cables”, que visitaron o pasado venres en Vigo e que permitirá reducir significativamente o volume de cables nun buque ao tempo que incorpora as tecnoloxías 4.0; e o emprego de UAVs (vehículos aéreos non tripulados) para a inspección dos buques.

Avanzar cara un novo modelo industrial en Galicia

A directora de Gain subliñou o carácter estratéxico desta alianza que, cun orzamento total de preto de 5 millóns de euros e unha axuda pública do 30% deste importe, permitirá non só aumentar a competitividade de Navantia, senón tamén crear un marco de colaboración estable empresa-universidade e arrastrar ao tecido produtivo auxiliar a que aposte pola dixitalización.

Esta unidade inscríbese no reto 2 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), a folla de ruta da innovación en Galicia, que persegue avanzar na implantación dun novo modelo industrial na Comunidade, a través, entre outras vías, do incremento da competitividade das industrias con máis peso na economía galega —como a naval- grazas ao aumento da súa intensidade tecnolóxica. Cómpre destacar que este reto foi o que concentrou a maior porcentaxe das axudas dende a posta en marcha da RIS3 (3 de cada 4 proxectos apoiados). En concreto, entre as Unidades Mixtas de Investigación, o 64% están aliñadas con este obxectivo de avanzar cara un novo modelo industrial, así como cos obxectivos da Axenda Industria 4.0 do Igape.

Balance do programa de Unidades Mixtas de Investigación

A Xunta está comprometida coa transformación dixital dos sectores industriais da economía galega, non só a través do programa de Unidades Mixtas de Investigación, senón doutros instrumentos como a liña de axudas para a Fábrica Intelixente, que apoia grandes proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, ou o impulso á creación dos Hubs de Innovación Dixital, unha nova estrutura de colaboración público-privada que agrupará aos axentes do ecosistema de I+D+i en Galicia en ámbitos estratéxicos co obxectivo de impulsar a transformación dixital do tecido empresarial.

No tocante ao programa de Unidades Mixtas de Investigación, desde a súa creación no ano 2013, ten permitido apoiar 39 unidades mixtas que teñen permitido atraer innovación cara Galicia en sectores estratéxicos como o naval, a automoción, o aeronáutico ou o sector saúde. Cun apoio público de 34 millóns de euros, mobilizáronse 114 millóns de euros e creáronse ou consolidáronse 580 empregos cualificados.