A Xunta avanza co Clúster TIC no desenvolvemento dun polo industrial na Coruña que acelere a transformación dixital da economía galega

2019-02-04
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantiveron un encontro de traballo co presidente do Clúster, Antonio Rodríguez del Corral
  • Con esta iniciativa as empresas e a Administración autonómica buscan situar Galicia como un referente na innovación TIC a nivel internacional, e favorecer a xeración dunha economía máis competitiva
  • O sector emprega na Comunidade a máis de 22.000 persoas e supón o 2,1% do produto interior bruto
  • A área metropolitana da Coruña concentra arredor da metade da facturación, e máis do 40% do emprego TIC galego, polo que se configura como a zona idónea para a localización do proxecto

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantiveron hoxe un novo encontro de traballo con representantes do sector das TIC, encabezados polo presidente do Clúster galego, Antonio Rodríguez del Corral, para continuar avanzando no desenvolvemento dun polo industrial das tecnoloxías da información e a comunicación que acelere a transformación dixital da economía galega.

Tal e como se lembrou na reunión, esta iniciativa pode configurarse como unha oportunidade para avanzar na xeración dunha economía máis competitiva, desde o punto de vista da innovación, dos procesos e dos produtos. Os obxectivos que se perseguen coa a creación deste polo son dar resposta ás demandas do tecido industrial e de coñecemento no sector; activar proxectos de I+D vertebradores, e atraer novos investimentos a Galicia; situando a Comunidade como un referente na innovación TIC a nivel internacional.

O sector das tecnoloxías da información e a comunicación en Galicia está composto por máis de 22.000 traballadores, máis de 3.400 empresas e supón un 2,1% do produto interior bruto da Comunidade. Ademais, conta co apoio de cinco centros tecnolóxicos. A área metropolitana da Coruña concentra arredor da metade da facturación do sector, e máis do 40% do emprego TIC de Galicia, polo que se configura como a zona idónea para a localización do novo polo industrial.

Durante o encontro, defendeuse a necesidade de concretar o proxecto, tanto con respecto aos contidos necesarios para que sexa un verdadeiro revulsivo; como con respecto a que debe ser desenvolvido da man do conxunto da industria TIC, dous requisitos previos indispensables antes de decidir a localización precisa do polo industrial das TIC na Coruña.

Así, na reunión concretáronse tres ámbitos de traballo para centrar o proxecto: a identificación de novas oportunidades en materia de talento, un eido no que colaborarán tanto a Consellería de Economía, Emprego e Industria como a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega; desde o punto de vista dos espazos, a definición dunha proposta estruturada e ordenada das necesidades do sector; e traballar sobre o mapa de capacidades instaladas, a través das infraestruturas colaborativas (fab labs) ou outros elementos para responder ás necesidades do sector.

O apoio a esta iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta co sistema galego de I+D+i, con cuxa colaboración se puxeron en marcha a Estratexia de Internacionalización Intelixente (RIS3), o Plan Galicia Innova 2020 e a Axenda Industria 4.0. Nestas follas de ruta a transformación dixital da industria galega se configura como un obxectivo transversal no que o sector TIC se converte nun aliado estratéxico.