Un consorcio de empresas galegas desenvolve un sistema portátil de xeración de enerxía termoeléctrica a partir da biomasa

2019-01-31
  • A iniciativa de I+D+i, que rematou en 2018, ofrece unha solución aos problemas enerxéticos de consumidores de media potencia, como pequenas industrias ou poboacións en lugares de difícil acceso
  • No consorcio participan o Centro Tecnolóxico de Enerxía Distribuída (CETED) do grupo Genesal Energy e as empresas Norvento e Allarluz
  • Argerey destaca a capacidade do sector enerxético galego tanto no aproveitamento dos recursos naturais como na fabricación industrial de equipamentos
  • O sector da enerxía e o medio ambiente acaparou arredor do 30% dos proxectos de I+D+i financiados nas convocatorias de 2016 e 2018 do programa Conecta Peme

Bergondo (A Coruña), 31 de xaneiro de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, participou esta mañá na presentación de resultados do proxecto Pyrogaz (Sistema portátil de xeración termoeléctrica por gasificación de biomasa) na sede da Asociación de Empresarios de Bergondo.

Este proxecto, dotado cun orzamento de máis de 923.000 euros, foi apoiado polo programa Conecta Peme 2016 da Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. Na presentación dos resultados participaron tamén a presidenta da Asociación de Empresarios de Bergondo, Rebeca Roja; o xerente do CETED e director financeiro de Genesal Energy, Julio Arca; e a alcaldesa do Concello de Bergondo, Alejandra Pérez.

A directora de Gain destacou a capacidade do sector enerxético galego no aproveitamento de recursos naturais e da biomasa para a produción de enerxías limpas e na fabricación industrial de equipamentos que aproveiten estas enerxías. De feito, apuntou que arredor do 30% de todos os proxectos financiados a través do programa Conecta Peme nas dúas últimas edicións están centrados no ámbito da enerxía e do medio ambiente, en liña cunha das prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que é xerar un novo modelo de xestión dos recursos naturais e culturais a través, entre outras vías, da mellora na obtención de enerxía a partir dos recursos naturais.

Neste senso, salientou a traxectoria innovadora das empresas que participan no proxecto, Genesal Energy, Norvento e Allarluz. A primeira é unha empresa galega con sede en Bergondo especializada na fabricación e distribución de grupos electróxenos, que conta cun centro tecnolóxico propio, o Centro Tecnolóxico de Enerxía Distribuída (CETED) —que lidera este proxecto- e que está a implantar unha planta piloto de fábrica intelixente nas súas instalacións. Por outra parte, o grupo Norvento, centrado na promoción, construción e explotación de plantas de enerxías renovables, conta con experiencia no desenvolvemento de proxectos de I+D+i no ámbito das enerxías renovables.

Solución á subministración de enerxía en zonas illadas

O prototipo presentado esta mañá permite ofrecer unha solución aos problemas enerxéticos dos consumidores de media potencia como pequenas industrias, explotacións agropecuarias ou pequenas poboacións, entre outros, permitindo así, dotar de enerxía eléctrica e térmica a lugares illados de difícil acceso á conexión da rede eléctrica ou a combustibles comerciais.

Ademais, o sistema funciona con biomasa local e de forma autónoma e é capaz de ofrecer enerxía constante e fiable dun xeito flexible e cuns requirimentos de funcionamento e mantemento sinxelos. Preséntase, pois, como unha solución idónea para a súa exportación a países en vías de desenvolvemento onde existe un elevado número de potenciais consumidores sen acceso á rede eléctrica pero si á biomasa.

A principal innovación do equipo é a implementación da gasificación da biomasa a solucións na escala da media potencia que ademais son portátiles, xa que ata agora estivo maioritariamente asociada a centrais de alta potencia.

Balance do programa Conecta Peme

O programa Conecta Peme, a través do que a Xunta financiou este proxecto, ten por obxecto estimular a innovación nas pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego por medio da cooperación entre os diferentes axentes. Desde a súa posta en marcha no ano 2013, lévanse apoiado 187 proxectos de cooperación nos que están a participar 433 empresas e 81 centros tecnolóxicos e de investigación, que están xerando 530 empregos.

Na última convocatoria, resolta a finais de 2018, a Xunta concedeu apoio a 54 proxectos de I+D+i nos que participan 169 empresas —o 93% pemes- e 24 centros tecnolóxicos e de investigación. Grazas a 27 millóns de euros de axuda pública, estanse a mobilizar 47 millóns de euros e a xerar 72 empregos cualificados.