A Xunta valora a participación de Boeing no polo aeroespacial de Galicia e traslada á empresa a súa disposición para estudar novos proxectos conxuntos

2019-01-19
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse con representantes de Boeing Research & Techonology Europe
  • A empresa será a encargada de desenvolver en Rozas un proxecto centrado na mellora dos retos de seguridade que plantexan as operacións con vehículos aéreos non tripulados
  • A iniciativa conta cun orzamento de 10M€, prevé a dedicación de 58 persoas e contará coa colaboración de Centum, Televés, Gradiant, a Universidade de Vigo, o Inta e Enaire

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, valorou a participación de Boeing no polo aeroespacial de Galicia e trasladou á empresa tanto o compromiso con este proxecto e coa industria aeronáutica, como a disposición para estudar novos proxectos conxuntos, durante a reunión que mantivo con José Enrique Román e Eduardo Carrillo, director xeral e director de Estratexia e Desenvolvemento de Boeing Research & Technology-Europe, respectivamente.

Boeing súmase á aposta de Galicia no eido dos vehículos aéreos non tripulados liderando un dos dez contratos da fase de solucións da Civil UVAs Initiative (CUI) coa que se pretende dar resposta ás demandas reais das administracións e mellorar os servizos públicos que se ofrecen aos cidadáns con solucións innovadoras baseadas no uso de drons. Neste caso, Boeing desenvolverá un contrato de investigación e desenvolvementos para a procura de solucións innovadoras e a creación de tecnoloxías e sistemas que embarcados en vehículos aéreos non tripulados ou integrados en infraestruturas de terra permitan mellorar a respota aos reos de seguridade na operación de drons.

En concreto, desenvolverase tecnoloxía para un dos retos máis ambiciosos que a industria aeronáutica ten que superar para a operación de vehículos aéreos non tripulados, como é a súa convivencia no espazo aéreo cos tripulados. O obxectivo deste contrato, ademais de facilitar a regulación e xestión aérea mediante o desenvolvemento de novas tecnoloxías, é impulsar a participación da industria galega neste segmento tecnolóxico e atraer a Galicia grandes actores da seguridade aérea.

Aos 6,05M€ da adxudicación, hai que engadir os preto de 4M€ que Boeing porá dos seus propios recursos e que inclúe, por exemplo, un simulador de probas e continxencias. Agárdase a creación ou mantemento de 58 postos de traballo e a participación de Centum, Televés, Gradiant, a Universidade de Vigo, o Inta e Enaire.

Conde ofreceu a Boeing a dispoñibilidade da Xunta para posibles actuacións conxuntas futuras que contribúan a facer de Galicia un referente neste eido e amosou a súa satisfacción por esta nova alianza tecnolóxica da man dunha compañía líder no sector que inviste 10M€ ao ano en tarefas de I+D+i e que en Europa colabora con 47 universidades, 20 centros de investigación, 5 aeroliñas e máis de 216 socios industriais.